viernes, 5 de octubre de 2018

PLAN DE TRABALLO PARA O CURSO 2018-2019 (III)


3º encontro (Polo Nadal, finais de ano, ou comezo do seguinte)

·         Se facemos coincidir a xuntanza coa celebración do Nadal, igual podemos invitar a esta celebración a outra xente da parroquia que nos parece oportuno. Se vén outra xente, daquela centraríamos a reunión na celebración do Nadal, e nun momento compartiríamos coa xente o que estamos facendo ao  redor do San Cidre.
·         Como podemos celebrar o Nadal? Pode ter dúas partes: unha parte de lembranza do nacemento de Xesús e do seu significado, e outra parte de cea-festa.

·         Primeira parte: lembranza do nacemento de Xesús: 
     
      (Facemos unha proposta de celebración, cada quen verá se quere facer todo o que aquí se propón, algo ou nada). É ben que haxa unha decoración apropiada, un pequeno portal, un pequeno Belén. Sentamos ao redor. Empezamos cantando unha panxoliña que coñezamos ben. 
       -- Logo podemos ir comentando entre todas e todos como recordamos que se celebraba o Nadal cando nós eramos xente miúda, sobre todo se hai xente moi maior no grupo; se cantaban algunha canción, que nola canten; se dicían algúns versos, que nolos recorden. 
         -- A continuación podemos ler o texto de Lucas que narra o nacemento: Lc 2, 1-20. Se queremos e podemos, sería fermoso facer unha pequeniña montaxe teatral, simplemente con que alguén faga de Xosé, de María, de Pastores, de Anxos, colocados oportunamente no lugar de reunión e lendo os textos que a cada quen lle corresponda segundo conta Lucas. 
         – Máis tarde comentamos brevemente que é o Nadal, e por que o celebramos tanto: aniversario do nacemento de Xesús; Xesús que naceu “coma un de tantos”, pero en quen nos cremos que se nos manifesta o rostro de Deus, Deus connosco polo tanto, Xesús que desde o primeiro momento está integrado no mundo da pobreza, da que nunca renegará, sempre actuará desde a fraxilidade viva e solidaria, non desde o poder etc., todo isto non en plan de prédica, senón suscitándoo entre a xente asistente. 
          – Cantamos outra panxoliña que saibamos e, a continuación, invitamos a toda a xente asistente a que presente algún galano ao neno, a Xosé e a María; o galano pode ser un desexo de ben, algún agradecemento, a promesa de facer algo a favor dalgunha xente empobrecida, etc; despois de dicilo, a persoa érguese e vai bicar o neno do portal. 
           – Tamén podemos recitar xuntos esta pregaria: cada un le unha estrofa e todas xuntas respondemos co retrouso QUE BO QUE VIÑESES, XESÚS.




            Que bo que viñeses, Xesús,
            co teu corpo miúdo
            feito un facho de luz.
            Que bo que viñeses, Xesús!

            Que bo que viñeses aquí,
            a estas terras de Abadín,
            camiñar ao noso lado,
            axudarnos a vivir.

            Que bo que viñeses, Xesús,
ensinarnos a coidar
@s pouc@s nen@s que temos,
@s vell@s que abondan máis.

Que bo que viñeses, Xesús,
pois queremos camiñar
moito e ben irmandad@s
en alegre socieda(de).

Que bo que viñeses, Xesús,
para poder aturar
algunhas enfermidades
que moitas dores nos dan.

Que bo que viñeses, Xesús,
darnos a túa alegría,
que ás veces custa vivir
coa mente sa e espelida.

Que bo que viñeses, Xesús,
aprender a perdoar
con paciencia e tolerancia,
cando nos fan algún mal.

Que bo que viñeses, Xesús,
a darnos forza e humor,
para defender o pan
que gañamos con suor.

Que bo que viñeses, Xesús,
enchernos de valentía,
para sacudir o pé
de quen abuso e nos tripa.

Que bo que viñeses, Xesús,
a falarnos de Deus Pai,
para que nunca o temamos,
pois fai por nós canto fai.

Que bo que viñeses, Xesús,
en formas pobres e humildes,
deixándonos ver ben claro
que a xente pobre prefires.

Que bo que viñeses, Xesús,
a facer comunidade,
con todos e todas nós:
cousa fermosa e ben grande.

Que bo que viñeses, Xesús,
grazas che damos por vir,
contigo estaremos sempre,
contigo habemos vivir.



 E podemos rematar xa esta parte cantando outra panxoliña que coñezamos ben.


2ª parte: información sobre o San Cidre
            
Consistiría en falar brevemente de cómo estamos preparando o San Cidre, falar do que queremos celebrar no San Cidre deste ano, explicar algo iso das experiencias novas alternativas no rural, para acabar anunciando a visita que imos facer a tal ou cal experiencia rural que acordarmos visitar. Pódese invitar a toda a xente asistente a ir.
            Para facer isto algo máis ameno, podemos repartir entre catro persoas esta información: 1) falar de que xa estamos preparando a celebración do San Cidre e a que imos dedicar esa celebración, 2) explicar brevisimamente que é iso das experiencias alternativa de xente nova no rural, 3) anunciar que imos visitar tal ou cal experiencia desas, e 4) invitar a toda a xente para esa visita que se fará tal día a tal hora.

            Se non se incorpora xente distinta a esta reunión, pódese igualmente ter  esta segunda parte para informar da visita, do día, da hora, e todos os detalles oportunos.


3ª parte: cea do Nadal: 

Co que entre todos trouxemos facemos a cea, alegre, compartida, festiva. Ao final, se nos parece ben, podemos pensar un pouco nalgunha xente máis ou menos veciña que estea pasando por algunha situación de debilidade. Podémonos comprometer a visitala e agasallala algo, ben en conxunto, ben algunhas persoas no nome do grupo, ben cada quen polo seu lado cando ben poida e queira. Sería pasar algo á vida, o misterio que celebramos: na persoa débil que visitemos está Xesús presente.
Sinalamos a data da próxima xuntanza, á que tamén se pode invitar ás outras persoas que estean de novo hoxe.
            Apertas, bicos, despedidas, parabéns e ímonos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario