lunes, 25 de junio de 2018

SOBRE AS FESTAS PATRONAIS



§         No mundo rural as festas patronais seguen a ter un significado importante na vida da comunidade, das familias, das persoas, por moi diferentes motivos.

§            Tamén desde un punto de vista relixioso é algo que se vive con certa intensidade. Non tanto coma o relativo ao mundo funerario ou aos santuarios, pero segue a ter peso.

§        Hai xente que habitualmente non vai á Misa e que ese día se deixa caer pola igrexa. Ademais é frecuente que case haxa máis xente da invitada de fóra da parroquia ca da mesma parroquia.

§           Todo isto pensamos que sería ben que nos levase a coidar especialmente as celebracións das festas patronais, en clave de misión: actitude acolledora, linguaxe empregada, textos que se proclaman, imaxe de Deus que se transmite, unir a experiencia relixiosa cos acontecementos reais da parroquia, acompañar cara a diante a relixiosidade popular, actitude inclusiva (que todo o mundo que asista experimente que por algo ten sentido a súa presenza na celebración, e non que acabe sentindo e dicindo: que pinto eu aquí).

§          Desde hai xa ben anos na parroquia de Candia, en Abadín, coidamos especialmente a celebración das festas patronais, S. Pedro e Sta. Sabela, o primeiro fin de semana de xullo, sábado e domingo. Comentámosvos algunhas cousas que facemos e tamén incorporamos algún material do que botamos man. Son cousas normais, de ton ben popular, coas que quixemos axudar a facer da celebración algo meritorio, que chegue á xente, que se lle quede no recordo.

§         Faremos un recorrido por anos sucesivos, presentando cousas particulares que cada un deses anos fomos facendo.

§         Sabemos que vai algo así coma un caixón de xastre; pero nunha ollada rápida, o que teña interese poderá ver se algo lle pode resultar útil ou non, ou se algo do que ve lle pode dar pé a pensar noutras cousas adaptadas á realidade da súa parroquia. Se en algo vos pode axudar, pois estupendo, ese é a nosa humilde pretensión. E se por casualidade pensades que en algo (elaboración dalgún material concreto, por exemplo) vos podemos axudar, pois aquí estamos á vosa disposición no que poidamos.

 


NOTA: COMO HAI MOITO PARA COMPARTIR, 
IREMOS POÑENDO O MATERIAL AOS POUCOS