sábado, 27 de enero de 2018

PARROQUIA DE BAZAR - SANTA COMBA (A CORUÑA)

O concello de Santa Comba, situado nas terras da bisbarra do Xallas, está delimitado ao norte polo concello de Coristanco, ao leste por Tordoia e Val do Dubra, ao sur polos concellos de Negreira e A Baña, e ao oeste polos de Zas e Mazaricos, todos eles pertencentes á provincia de A Coruña. Está composto por 17 Parroquias.



San Mamede de Bazar é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Santa Comba,  formada por 7 lugares: Bazar, O Carballal, A Castiñeira, As Figueiras, Sabaceda, A Toxa, Turnes. Na actualidade ten 121 casas familiares.

Nos montes de Bazar, no Monte Castelo, hai catro mananciais, catro fontes: A fonte Mina, a Barreña, a Fonda e a Xallas, das que bebe a veciñanza. Destas catro fontes, e doutras colindantes, nace o río Xallas, o único río coñecido de Europa que desemboca en fervenza, no mar do Ézaro. De aí ven o topónimo da Bisbarra e o xentilicio dos seus habitantes, “Xalleiras e Xalleiros”.


TEMPLOS

Ø Igrexa parroquial de Bazar.

A súa construción data do século XVIII. A Igrexa de estilo barroco de planta de salón, cunha soa nave e capela maior cadrada, e sancristía apegada ao muro. O espazo interior cóbrese mediante unha bóveda de medio canón, un arco de medio punto permite o aceso á ábside.
Segue a fachada un esquema pentagonal, coa porta de entrada enmarcada con molduras con forma de orelleiras, cunha fornela cuberta por unha bóveda de vieira e un van de luz de forma rectangular. Remata o conxunto unha espadana formada por dous arcos de medio punto sobre machóns, sobre os que se ergue un frontón curvo, cunha fornela calada e dous acroteiros que coroan a fachada.
Nunha parte do adro hai un cemiterio parroquial e no centro un cruceiro.


 Ø Ermida de Santo Outelo, en Sabaceda

Non se dispón de datos sobre a súa fundación nin cronoloxía. É unha pequena capela dunha soa nave, cunha ábside rectangular de maior altura, e un volume pegado a un lado da cabeceira. A cuberta, hoxe de uralita vermella, faise a dúas auga no corpo  a carto na ábside.

As paredes están feitas de cachoteía, coa excepción da parede da cabeceira e parte do volume pegado, que están feitas en bloques de cadeirado. Exteriormente aprécianse unha gradación de volumes que mostra claramente a súa organización interior.



PAISAXE FÍSICA

Ø Hórreo no lugar de Sabaceda
Hórreo denominado na zona como cabana, moi abundante no concello. Aséntase sobre unha soleira maciza de cachotería, sen pés. Cámara pechada formada por unha ringleira de pedras irregulares, dispostas horizontalmente e que lle confiren un aspecto rústico.
Unha porta no costal sérvelle de acceso. A cuberta é a dúas augas, de tella curva, rematándose cunha cruz e pedra piramidal.



PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Ø Castro no lugar de Turnes
Atópase a 400 metros de altitude. Posúe un único recinto, defendido cunha muralla composta de terra e pedras, así como dun foso externo que ocupa toda a metade oriental. Seguramente teña un segundo recinto polo seu lado occidental.

O castro está no límite coa parroquia de Vilamaior.

Recentemente foi vítima da actividade espoliadora dalgún furtivo, xa que aparece un anaco escavado, deixando ver parte dun muro de edificación.

Existe a crenza de que había un túnel que saía do castro cara o río Xallas, onde levaban os animais a beber, e tamén que na noite de San Xoán se podía ver unha escada de ouro así coma unha galiña con pitos.


PATRIMONIO ARTÍSTICO E CULTURAL

Ø Cruceiro do adro en San Mamede de Bazar



Situada no adro, diante da fachada da igrexa.

É un cruceiro feito de granito e formigón, de enorme simplicidade. Érguese sobre unha pilastra de formigón, ten un pedestal de forma cuadrangular rematado con molduras e un varal de sección cadrada con chafráns. O capitel de forma cúbica dá paso a unha cruz de sección octogonal de brazos rematados con florenzas.

No pedestal atopamos inscrita a data de construción 1904.


Ø Cruceiro de Santo Outelo no lugar de Sabaceda.

Situado nunha encrucillada de camiños, diante do prado que conduce á Capela de Santo Outelo.

Cruceiro feito de granito. Componse dunha plataforma cuadrangular de dous graos de construción recente, un pedestal igualmente cuadrangular, e un varal cadrado con chafráns. O capitel ten forma tronco piramidal invertida, sen ningún tipo de decoración, dando paso a unha cruz de sección rectangular, moi simple.

Na súa orixe o cruceiro erguíase sobre un muro de terra no mesmo lugar que ocupa hoxe. Coa construción da pista este muro de terra desapareceu, sendo substituído pola actual plataforma de dous graos.

Tense por tradición levar ao redor do cruceiro en procesión a imaxe de Santo Outelo, santo de gran devoción na parroquia, o sábado último de maio.



FESTAS.

Ø No lugar de Sabaceda:

O último sábado de maio – Romaría de Santo Outelo con Eucaristía, procesión e orquestras polo medio día e pola noite. Organizada por unha comisión de festas do lugar.



Ø No lugar de Bazar:

-                  Sábado anterior ao día de S. Xoán - Romaría de S. Antonio con Eucaristía, procesión e orquestras polo medio día e pola noite. Organizada por unha comisión de festas.

-                  Último domingo de agosto – Festa de S. Mamede, patrón da Parroquia. Eucaristía e procesión polo adro da igrexa, xantar campestre no Campo da Escola: polbo, churrasco, música de gaiteiros e pandereteiras de Bazar, baile, xogos populares para pequenos e grandes. Sorteos.  Organizada pola Asociación de Veciñas/ños Monte Castelo de Bazar.

-                  Segundo sábado e domingo de setembro – Festa da Nosa Señora dos Desamparados e festa do Sacramento. Eucaristía e procesións. Romeiros, persoas particulares.

-                  Día de Santa Lucía. Eucaristía e procesións. Romeiros, persoas particulares.



ASOCIACIÓNS

Ø Asociación de veciñas/os Monte Castelo.

       Obxectivo: Animación sociocultural e promoción da parroquia.


Ø Asociación Enriba da Rebimba 

        Obxectivo: construción e xestión do cemiterio civil.

LUGARES DE ENCONTRO


Ø Campo da Escola no Carballal.

Campo de herba e campo de cemento con porterías. Lugar frecuentado polas familias, nenos e nenas, mocidade... con bicicletas, balóns, patíns.
Espazo para a celebración das romarías e outras festas.

Ø Casa da Escola, xestionada polo concello de Santa Comba e construída
              pola veciñanza nos anos 30 sobre un terreo propiedade dos
              mesmos.
Consta dunha vivenda onde reside unha comunidade de relixiosas da Compañía de  María desde o ano 1976. Anteriormente fora escola estatal para a parroquia e cerrouse ao construírse un Grupo Escolar no veciño concello de Val do Dubra. Os nenos e nenas de “preescolar” non tiñan posibilidade de asistir ao Grupo por no estar autorizados a utilizar o transporte escolar nin o comedor.

A casa ten un aula ampla onde se impartían as clases. Casa “aberta” ás distintas actividades que se levan a cabo: catequese familiar, grupos de adolescentes, distintos grupos de vida compartida, obradoiros de memoria e reforzo lector, asembleas das Asociacións, obradoiros propostos pola Asociación e polo persoal de Asistencia Social do Concello.