Conforme acordamos no cursiño de verán celebrado en
Santiago o 14 de setembro, centraríamos o traballo do ano ao redor da
celebración do San Cidre, por ser este o feito que máis nos cohesiona e nos motiva.
No cursiño propuxemos xa un tema a tratar nas posibles xuntanzas dos grupos de
cada zona, que foi o de “xente nova que volve ao rural con propostas
alternativas de vida na aldea”. Este tema sería o que celebraríamos no San
Cidre; o lema concreto xa o decidiremos no seu momento. Acordamos tamén volver
xuntarnos os representantes de cada grupo o 23 de febreiro e o 27 de abril.
Entremedias iríamos facendo o traballo nos grupos. Encargouse a Manolo Regal
que elaborase unha proposta de traballo nos grupos tendo en conta este plan. E
iso é o que se ofrece a continuación.
Posible
proposta de traballo para os grupos
Cada grupo verá
a frecuencia coa que ve oportuno reunirse. Parece que, por manter un pouco o
fío do grupo, non estaría ben que fose
menos dunha vez ao mes.
Para
o primeiro encontro habería que facer unha convocatoria á xente que
consideremos interesada no San Cidre, ben porque habitualmente estea indo a
esta celebración, ben por calquera outra razón que pareza oportuna; a
convocatoria faise co método que mellor se considere (boca a boca, teléfono,
carta…), na que se indique que é unha xuntanza para falar xa do San Cidre,
porque o queremos preparar e vivir ben. Cítase, lugar, día e hora. É ben
traballar a asistencia de quen nos pareza poida estar máis interesado/a, para
que este primeiro encontro dea xa algo de si.
1º encontro (dentro do mes de outubro)
·
É ben
empezar cun tempo distendido, pero ben útil, no que compartamos como nos
foi no verán nas cousas da vida. Axuda a que a xente se solte e se integre. Con
todo cómpre regular o tempo, para non deixar de facer o que queremos facer.
·
Proponse logo a finalidade desta
xuntanza: empezar a preparar o San Cidre. Podemos falar do San Cidre pasado,
sobre todo se no grupo non se ten falado de cómo foi: cousas que gustaron,
cousas que non, cousas a mellorar. Se na nosa zona ninguén foi aínda, ou no
grupo non hai ninguén que fose, explicar brevemente de que vai esa celebración
do Mundo Rural que chamamos San Cidre, co nome do patrón da xente da aldea.
·
Dicimos o tema que queremos traballar
este ano: “xente nova que volve ou se queda no rural con propostas alternativas
de vida”. Explícase que quere dicir isto: xente nova, pero tamén a pode haber
non tan nova; xente que volve ou se quedou no campo; xente que non segue a
corrente normal de granxas máis ou menos grandes de leite ou de carne (sen
querer desprezalas para nada); xente que ten propostas alternativas de vida no
rural, é dicir, propostas que se saen algo do común, na produción á que se
dedican, na busca de dedicacións distintas á de produción (turismo rural, rural
escolar…), ou que combinan unhas cousas
coas outras; xente con estilos de vida algo fóra do común, que volven ao campo
desde a vila ou da cidade, incluso despois de pasar por boas profesións
laborais…
·
Igual coñecemos algunha destas
realidades que haxa no noso entorno. Falamos algo delas.
·
Comentamos que nos parece un feito
importante ao que lle queremos dedicar tempo no San Cidre, e no tempo de
preparación que xa agora comeza. Escoitamos o que a xente comente. Recalcamos
que ese feito é un importante sinal de vida para o campo, e que por iso mesmo
tamén merece a pena coñecelo, agradecelo e, no seu momento, celebralo como
xente de aldea e tamén coma persoas
cristiás: Deus está sempre na vida e en todo o que a promove.
·
Aquí podemos ler algunha pasaxe dos
evanxeos, por exemplo: Mc 6, 30-37a., para recoller o momento de encontro de
Xesús co seu grupo, pois algo diso estamos facendo nós no grupo. Tamén podería
lerse todo o relato que acaba coa multiplicación dos pans. En todo caso, lese,
coméntase un pouco aplicándoo ao que nós agora mesmo estamos facendo no grupo,
recalcamos ese coidado de Xesús coa xente, acollendo, falando, preocupándose
pola súa mantenza. É a ansia de Deus por nós hoxe, pola xente da aldea; por iso
goza tanto vendo esas realidades novas que aparecen no campo.
·
Podemos asumir o compromiso, de aquí á
próxima xuntanza, de saber de casos de xente nova que na nosa comarca ande
envolta en propostas alternativas. Organizamos algo a maneira de obter esta
información: indo ao Concello, indo ao local
máis próximo do Sindicato Labrego Galego ou de Unións Agrarias, a través
dalgunha desas persoas novas que xa coñezamos, etc.
·
Marcamos a data da próxima xuntanza, no
mes de novembro. E rematamos tomando algo xuntos/as, recordando o que tamén Xesús
fixo coa xente que acompañaba.
No hay comentarios:
Publicar un comentario