martes, 20 de agosto de 2019

Encontro de outono: CREMOS NO RURAL


Sábado, 7 de setembro de 2019 
na Casa de Exercicios, Santiago,

        Tal como no seu momento acordaramos, o sábado 7 de setembro teremos na Casa de Exercicios de Santiago o noso encontro de outono, ou cursiño de verán. E este será o noso horario e tarefas.

Orde do día
10.00h., chegada e acollida.
10,30h., oración. O grupo de Abadín levará algo preparado, pero que de cada grupo levemos algo simbólico que represente este voso momento.
11.00h., Compartir: a marcha dos respectivos grupos, tarefas, estados de ánimo; a nosa experiencia do San Cidre deste ano; a nosa integración na realidade rural, os grupos alternativos, a nosa vinculación co que é “Cremos no Rural”.
12.15h., descanso, café.
12,45h., Facemos algo de historia de “Cremos no Rural”, e preguntámonos como nos estamos vendo con esta realidade nas mans.
14.00h., xantar.
16.00h., Programación posible para o curso que vén: lema, obxectivos, encontros, datas, san Cidre, …
17,30h., Eucaristía ou Oración final.


NOTA: Sobre todo por razón do xantar e do café, é ben importante que avisedes con tempo das persoas que pensades vir; chega tres días antes, pero avisade, por favor. Podédelo facer chamando a Manolo Regal, ou ben simplemente a través do grupo de Whatsapp de “Cremos no Rural”

martes, 21 de mayo de 2019

Carta do Bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo do San Cidre de Castro de Rei


Eucaristía no encontro do mundo rural de Galicia
Santa Locaia (Castro de Rei)18.05.2019
Homilía
Deus sempre nos acompaña, espéranos, agárdanos… Non ten présa ata que volvamos o corazón totalmente cara El. A Igrexa rural, o pobo santo de Deus que peregrina no mundo rural vive no tempo da paciencia de Deus (Cf. Rm 3,25-26), no que vivimos todos, toda a Igrexa formando un só corpo, experimentando a proximidade do Pai, do Fillo, do Espírito Santo e dos irmáns.
A figueira que non da froito ten o agasallo do tempo de Deus, da súa paciencia. Estamos chamados a seguirmos coidando desta figueira coa riqueza das boas obras que sempre debemos sementar, aínda que non vexamos o que recolleremos no futuro. Do mesmo xeito que o labrego non ve a colleita cando está a sementar. Por iso, coa paciencia e mailo amor do viñador, que pide ao dono da viña que non corte a figueira, esperemos os froitos que agora non se ven. Froitos que comunican vida e chaman á vida. Froitos, polo tanto, de amor, de fraternidade, de entrega xenerosa, de gratuidade, de comuñón na santidade. Froitos sorprendentes.
Igual que o é o universo enteiro, considerade esta terra vosa coma linguaxe do amor de Deus, do seu desmesurado agarimo cara cada un de vós, da súa vida abundante. Seres vivos, terras, augas… todo é caricia do Creador. A nosa historia de amizade con Xesucristo sempre se desenvolve nunha terra persoalísima. Os lugares que nos viron nacer fannos moito ben. Estar nestes agros, tanto se vivimos neles coma se marchamos e volvemos despois, permítenos coñecer ou recuperar a nosa identidade neste libro precioso que Deus escribiu na nai terra, cuxas letras son as criaturas e con maiúsculas cada ser humano. Cantemos o himno da nosa existencia para vivirmos gozosamente no amor de Cristo e na esperanza. Vivir no mundo rural é duro, pero ten o privilexio de escoitar a Deus a cada paso, oír a súa voz paradoxal e silenciosa, porque se manifesta cando brilla o sol, cando chove e cando cae a noite. Vivir no mundo rural é duro, pero bríndavos a esperanza dunha fraternidade cristiá, de mutua compañía, fundada no amor de Deus, que tamén é mensaxe súa para vós (Cf. Ls’ 84-85).
Que sigades coidando, cultivando, mimando esta figueira que parece non dar froitos, pero dará abondo, porque recibiu o agasallo de estar plantada no esperanzador tempo da paciencia de Deus que sempre xera vida.

P. Luis Ángel de las Heras, cmf
Bispo de Mondoñedo-Ferrol










FOTO DE: http://www.mondonedoferrol.org/biografia/



PARTICIPACIÓNS NO SAN CIDRE 2019


SEMENTANDO ESPERANZAS
San Simón, Vilalba
       Somos Cristina e Iván. Desde o ano 2104 levamos unha queixería,  queixos “Don Crisanto”, que os pais de Eva fundaran xa no 1990. É unha queixería familiar, pero permítenos vivir dela. Producimos uns 8-9.000 kgs. anuais. Desde o ano 2013 tamén producimos mel co nome de “Pingas da Gaia”. Venta directa, nas feiras e en “Super Camilo” e en “Casa Paca” das galerías Camba de Vilalba.
         As nosas señas: Auga Río, 10. San Simón. Vilalba.
         627. 752.222     correo@dongabino.es.


Fornelos de Montes, Pontevedra
       Somos “Os Cotos”, unha Igrexa que imos construíndo entre todos. Somos unha comunidade de parroquias facendo un camiño compartido.
         “Os Cotos” queremos acoller
         --os refuxiados, aos que se lles pechan as portas con muros, aramados e silencios.
         --as persoas maiores, que no rural hoxe se senten abandonadas e pouco valoradas.
         --o berro afogado en silencio de tantas persoas que sufriron abusos na súa infancia inocente, tanto dentro como fóra da Igrexa.
         --as mulleres, tantas veces sufridoras da falla de igualdade e trato digno, tanto na sociedade civil como dentro da propia Igrexa.
         “Os Cotos” queremos coidar:
         A terra e a natureza está nas nosas mans, e nosa é a responsabilidade de coidala para que chegue chea de vida para as xeracións vindeiras.
www,oscotos.eu        630. 126.007     oscotos2013@gmail.com


Castro de Rei, Lugo
         Un cura, 16 parroquias e un importante grupo de xente colaborando para sacar a cousa adiante. Estivemos creando Consellos Parroquiais en todas as parroquias; hai comisión económica, comisión de obras, de liturxia, Cáritas interparroquial, comisión de coidado e limpeza do templo, de pastoral da saúde. Cada comisión cos seus propios cometidos.
         Folla mensual que vale como pauta para catequese de adultos. Procuramos animar moito as celebracións especialmente comunitarias, as festas e comidas parroquiais, as primeiras comuñóns…
         Polo Nadal visitamos a todas as persoas maiores da parroquia. Acompañamos a xente que o necesite, sobre todo as persoas soas. Temos catequistas de varias parroquias, cousa que axuda moito. Unha de nós, Modesta, pertence ao equipo de Pastoral Rural da Diocese.
         Xavier, 616. 367980 - gregoriomariaosb@gmail.com   /  Modesta, 628. 717298


Portonovo, Pontevedra
         A Cáritas parroquial de Portonovo, Pontevedra, pretende integrar a inmigrantes sen papeis; para iso ofrécelles terras para traballar e ferramentas gratis, pensando que pode ser un complemento á súa economía e así poidan ir abrindo camiño.
         Caritas parroquial de Portonovo. Rosalina: 671. 447144


Palavea e Abegondo, A Coruña
         Somos dous grupos dunhas 20 persoas cada un, dedicados ao canto, algo así como musicoterapia: pasalo ben e axudar a pasalo ben cantando. Ensaiamos todas as semanas un ou dous días. Divertímonos cantando todo tipo de música, tamén de baile, claro; saímos fóra a cantar en centros sociais e en parroquias que nos chaman. Non cobramos nada. Quen anima todo isto é Luís Rodríguez Presedo, que foi músico profesional e que compón pezas adaptadas como a que hoxe escoitamos. Temos moito gusto polo mundo rural, do que provimos moitos/as de nós.
         Luís Rodríguez Presedo, 696. 602180.


San Cristobo de Mesía, A Coruña
       Na forte crise dos anos 2009-2010, opto pola venda de leite fresco pasteurizado mediante máquinas expendedoras. Tamén entrego leite fresco en cafés e xeaderías, Empezo vendendo así o 15% da produción, e hoxe vendo o 35%. Vai ben a cousa.
         José Antonio Sánchez Recouso,  fincalatasc@gmail.com.





Cesuras, A Coruña
       Belén cos seus fillos Aihir e Iván levan adiante a granxa familiar ecolóxica LABREGOS.
8 has. de terreo, produtos de horta de tempada, froiteiras e carne ecolóxica de año. Con outros tres produtores ecolóxicos forman ALEGA, que abastece de alimentos sans a comedores escolares da zona.
                                  Labregos@gmail.com     ---  696. 541247

Valoración primeira do día do San Cidre, día do Mundo Rural 2019

 SEMENTANDO ESPERANZAS

             O 18 de maio celebramos no Monte da Escrita, parroquia de Santa Locaia, Castro de Rei, Lugo, o día do San Cidre, o día tamén do Mundo Rural. Ofrecemos algunhas consideracións sobre o evento, coa intención de que nos axuden a que as persoas asistentes vaiamos valorando con pros e contras o vivido naquela xornada, para retomalo logo no encontro que teremos en Santiago o 7 de setembro. E así poidamos avanzar no noso intento, que non é outro que axudar a que o campo teña vida, e a que o alento de Xesús nos dea pautas e forza neste intento.



Agradecementos

            Foron moitas as persoas que permitiron que puidésemos celebrar o San Cidre co día do Mundo Rural no monte da Escrita. Un equipo interparroquial, multiplicando esforzos, ben coordinado polo seu cura Xavier, posibilitou as cousas. A Corporación Municipal de Castro de Rei foi xenerosa, e a empresa Leitigal ofrecendo o queixo da acollida, e as persoas que coceron na casa expresamente para ofertarnos o pan da acollida. Todo o noso agradecemento, de corazón.


            Logo estivemos todas as persoas que dun lugar e doutro  de Galicia quixemos achegarnos, porque cremos no rural e no alento que Xesús de Nazaré nos pode dar para traballar por un rural máis vivo. E en cada grupo as persoas que o compoñen e as tarefas concretas que traen entre mans, e as referencias a outras persoas e grupos que nos seus medios están abrindo camiños de vida na rural: desde o pequeno produtor de queixo, ata as persoas que fan da música un espazo de lecer e un compromiso co rural. Alí estiveron ofertando a vida que levaban dentro de si. En número pasamos das 300 persoas. Canto agradecemento lles é debido!


            Tamén o señor Bispo de Mondoñedo-Ferrol quixo estar presente, vinculándose a este empeño común de valorar e potenciar a vida e a fe que hai no rural. Moito llo agradecemos. Non nos gusta o señorío, pero si a vontade de servizo de quen facéndose un de tantos, quere estar ao lado do que o pobo vive, sente e celebra. Grazas a el, logo, e tamén a outros cregos como Uxío García Amor, que, a pesar do seu corpo nonaxenario, non quixo faltar a esta cita.


            Grazas ao grupo “Os Baluros”, que animou o ambiente en diferentes momentos cunha música popular viva, como tamén o fixo, aínda que fose con outros ritmos, o grupo de A Coruña, que baixo a dirección de Luís Rodríguez Presedo, quixo transmitirnos ledicia e folgos para o que temos por diante.





Méritos e carencias

            Foi unha xornada digna de ser recordada polo que nos aportou: coñecer e tratar xente, ver que aquí e acolá hai empeños comúns a favor do rural, descubrir actividades concretas que están abrindo camiño, comprobar que a fe nos sostén e alenta, descubrirnos como xente alegre que gusta de celebrar, ver que hai cousas que nos dan esperanza, que sementan esperanza, que nos permiten soñar nun rural vivo, aínda que seguramente distinto do que coñecemos ata agora. Un rural distinto, e unhas comunidades cristiás tamén distintas.

            Houbo cousas que non nos saíron nada ben. Igual nos alongamos moito tanto na presentación dos grupos coma na mesma Eucaristía. Todo xunto chegou a dúas horas! Non é doado manter a atención tanto tempo, aínda que tamén é certo que a hora das presentacións foi variada, distendida, amena. Pedimos perdón os responsables desta falla de control do tempo.

            E non nos saíu tampouco nada ben a organización da distribución das mesas para o xantar. Houbo desorde pola mesma escaseza do espazo, por falla dun sistema máis organizado, pola precipitación dalgúns que igual miraban só por si mesmos; o caso é que houbo xente que nin tivo un mesado no que poñer a comida e tivo que comer de pé, como lles pasou aos da Coruña, e o mesmo Sr. Bispo careceu dun mínimo de comodidade para poder comer a gusto connosco. Cousas que de ningún modo nos podemos permitir nunca máis. Perdón tamén por parte de quen provocamos todo isto.


Ollando cara adiante

            O grupo “Cremos no Rural” levamos moitos anos celebrando así o San Cidre en diferentes lugares de Galicia. E seguirémolo facendo. Pero tamén queremos que na diocese de Mondoñedo-Ferrol celebremos dun xeito algo especial o día de San Cidre, día do Mundo Rural, cada ano nun arciprestado ou Unidade Pastoral diferente, intentando que nos vaiamos coñecendo e tratando a xente do rural da diocese, e que participemos todas e todos neste intento común de manter a vida nas parroquias e nas comunidades cristiás que nelas hai. As aldeas cambiaron e cambiarán moito, pero sempre haberá espazo para a vida, no noso propio nome e no nome do Deus que nos alenta.

            Tamén nos gustaría que a cousa non quedase nun encontro anual como o que este ano fixemos ou semellante. Temos a ilusión de que estes encontros anuais vaian acompañados por unha vida de grupos rurais parroquiais ou interparroquiais, que se ilusionen recibindo e compartindo os bens da aldea, entre os que está a admiración por Xesús de Nazaré, home de aldea coma nós. Ao seu lado, contando con el, é moito o que podemos vivir e axudar a vivir.


Manuel Regal Ledo











viernes, 3 de mayo de 2019

AVISO CAMBIO DE LUGAR DE CELEBRACIÓN

Houbo un cambio de última hora sobre do lugar concreto onde se vai ter a celebración; segue a ser en Castro de Rei, pero no canto de facela nun pabillón deportivo, acordouse facela nunha carpa nun outeiro onde hai unha estatua xigante do Sagrado Corazón. 

FOTO TOMADA DE: https://gl.wikipedia.org

A carpa pona gratis o Concello. Estará pechada se fixese falla, pero vide provistos con algo de roupa de abrigo por se acaso. Haberá indicadores que axuden a chegar a este punto, que está como a 1 ou 2 kms. de Castro de Rei.

Aproveitamos para recordar a figura de  Xose Manuel Carballo, que moito traballou por estas terras.

martes, 30 de abril de 2019

CELEBRACIÓN DO SAN CIDRE - Castro de Rei, Lugo, 18 de maio 2019.


FOTO TOMADA DE: http://www.alfayomega.es


11.00h. Chegada e acollida
   O lugar de celebración está presidido por unha pancarta co lema: SEMENTANDO ESPERANZAS.
   A acollida está atendida por xente do lugar, que nos obsequiará co que ben lle pareza. Se hai un grupiño de gaiteiros acompañándonos, mellor. E entramos para o lugar de celebración.
   E empézase a celebración. Entre ensaio e ensaio vaise anunciando que é esta festiña, que pretende, en que vai consistir, cal é o lema, que significa este lema

Acollida dos grupos
   Cantamos o himno do San Cidre. Vanse presentando os grupos; unha persoa de cada grupo presente algo (froito, planta, símbolo calquera), co que queiran facerse presentes nesta celebración. Con esa persoa entra outra persoa que presenta a iniciativa innovadora que se está a dar na súa zona; esta persoa le ou di o breve escrito que trae e máis, se é do caso, ofrece o produto correspondente. E así todos os grupos. Con fogos ecolóxicos.
   E, para pechar este momento, as xentes do lugar cóntannos como é esta zona, como andan, que sementes de esperanzas hai entre eles, a nivel de vida agraria e a nivel de comunidade cristiá. Tamén fogos ecolóxicos. Volvemos cantar o himno do San Cidre.

Segue a Eucaristía
            Saúdo e acollida do sacerdote.
             Momento penitencial. Prepara o grupo de A Dina-Portonovo.
            Lecturas da Palabra de Deus:
1ª lectura: Sant 5, 7-11: a paciencia ben entendida, a resistencia, dálle ás á esperanza cristiá. No rural estamos en tempos de aguante esperanzado. Le alguén de Castro de Rei.
Salmo: 8, co retrouso :
SEÑOR, DEUS NOSO, QUE ADMIRABLE É O TEU NOME EN TODA A TERRA.
            (María Luísa e alguén de Galegos len as estrofas do salmo.)

Evanxeo: Lc 13, 6-9: Parábola da figueira. Estamos en tempos ee coidar e abonar, coa esperanza de que cheguen os froitos na vida rural.

Preces: Prepáraas o grupo de Abadín.

Ofertorio:
            As persoas que trouxeron o símbolo de cada zona e as que representan a iniciativa achéganse, collen o que trouxeron e érgueno en sinal de ofrecemento.
            E segue a Eucaristía con normalidade.

Peche da Eucaristía e da celebración
            No momento final, despois da comuñón, uns nenos/nenas distribúen unha folla, na que se recollen os enderezos de cada unha das iniciativas presentadas. Esas iniciativas son tamén un pequeno sacramento da vida de Deus entre nós, que queremos xuntar co sacramento maior do Corpo de Cristo que acabamos de recibir. Estamos uns segundos en silencio.
            Dúas persoas de Castro de Rei val lendo o agradecemento e todos/as contestamos: GRAZAS POR TANTO BEN.

            Ao final, como remate da celebración, o grupo da Coruña interpreta unha canción que cantaron en Luar.



Hai cousas dignas de ver: 
As fontes do Miño (Fonmiñá), a igrexa monacal de Meira, o castro de Viladonga, muralla de Lugo…


NOTA: 
Para chegar a Castro de Rei, se vides pola estrada Ourense-Lugo,  tedes que coller a estrada Lugo-Ribadeo, que se pode coller nunha rotonda desde a A6; a uns 20kms atoparedes unha desviación á esquerda cara a Castro de Rei. Olla, non confundir con Castro de Riberas de Lea.
            Se vides desde Santiago ou Coruña, en Guitiriz colledes a A6, seguide ata Bahamonde, en Bahamonde na rotonda empalmades coa A8 e nela ides ata Vilalba. Entrade no segundo punto de entrada en Vilalba, que vos leva ao centro, onde hai unha árbore, unha pradia. Alí, á dereita un 50 m. e logo a primeira rúa á esquerda, subindo, que xa é a estrada que vos levará cara a Meira. Pasado Muimenta, cruzaredes o Miño, e a un km. máis ou menos veredes unha indicación cara a Castro de Rei, que vos quedará a uns 4kms. máis ou menos. Alí xa haberá indicadores para ir ao polideportivo, onde teremos a celebración.

Lembrade dúas cousas: 
1) mandar o papeliño onde se describa brevemente a experiencia que traiades, e 
2) uns días antes, informar das persoas que pensades vir.


Grazas a todos. Vémonos o 18.

miércoles, 17 de abril de 2019

AVISO XUNTANZA 27 DE ABRIL EN SANTIAGO


            Non podemos dispoñer da casa de Exercicios de Santiago 
para a nosa xuntanza, por iso por esta vez teremos o encontro 
no hotel ou hostal do Seminario Maior de San Martiño Pinario. 
Alí déixannos un local para a reunión e tamén alí xantaremos. Como ben sabedes, este hotel ou hostal está pola parte da abaixo 
da fachada principal do Seminario Maior de San Martiño Pinario. Para aparcar haberá que deixar os coches no aparcamento de Xoán XXIII, pretiño da Igrexa de San Francisco, que está ben cerca.

           

        Vémonos, logo, 
o 27 ás 10 da mañá nese hotel. 

Que teñades unha santa Semana Santa 
e unha alegre Pascua con Xesús resucitado.