jueves, 24 de mayo de 2018

CELEBRACIÓN DE SANCIDRE 2018 - FORNELOS DE MONTES

CARTA A FORNELOS
CREMOS NO RURAL, 21 de maio do 2018


Benqueridas amigas e amigos, e tamén irmás e irmáns na fe, das parroquias da Unidade Pastoral dos Cotos en Fornelos de Montes, cos vosos curas Gonzalo e Andrés:

Hai pouco máis dunha semana que estivemos convosco celebrando o San Cidre, patrón de toda a xente do campo. Foi para nós un día espléndido, alegre, cheo de vida, motivador. De corazón desexamos que para todas e todos vós fose tamén un día de gozo e de alento, aínda que ben sabemos que tamén o foi de duro traballo para que todo estivese ben preparado e a punto.
Precisamente queremos antes de nada agradecervos as cousas boas que, grazas ao voso traballo, puidemos gozar, e que nos axudaron a encher o día de ben.


Gustounos moito que xa á chegada houbese algúns veciños orientándonos para a recta colocación dos autobuses. Cousa simple, pero sempre necesaria para empezar ben a xornada. (Estarían tamén aló onde despois fomos xantar, para que as cousas fosen ordenadas e sen incidentes.) E logo, deseguida, aquela acollida tan ben abastecida de chocolate, café con leite, doces …, e os vosos rostros alegres, pacientes e acolledores con todos nós.
Gustounos moito e mesmo nos impresionou a organización do polideportivo para que todo o mundo estivese cómodo, puidese ver e oír ben, para participar na celebración da Eucaristía. Pareceunos moi fermosa a procesión de entrada, cos símbolos da forza da terra e da forza de Deus. Gustounos o canto, animado por Gonzalo, pero ben acompañado polo grupo musical e polas voces de toda a xente, no que fomos podendo e sabendo. A Misa foi algo longa, porque tratábase dunha celebración moi especial, e non nos resultou nada aburrida, xa que nela puidemos estar, falar, expresarnos, acoller, facer unión entre nós e co noso Señor. Mandámosvos un par de fotos que fixemos durante a celebración para que as teñades de recordo.


E logo gustounos e agradecémosvos moito o que tivestes que traballar algúns para ter a punto o lugar de xantar. Estabamos un chisco apertados, pero case se trataba diso, de sentirnos preto uns dos outros, sentindo o corpo, a palabra da xente; ulindo as súas comidas e, se cadraba, alongando a man para dar ou recibir algún bocado, algún doce, algunha bebida. Foi algo fermosamente popular, enxebre.
E que ben tocaban os gaiteiros, que supoñemos que era xente veciña vosa ou da vosa contorna. O escaso espazo non nos permitiu bailar, como sempre nos gusta facer, pero se non bailaba o corpo, bailaba o corazón. E tamén nos gustou moito e agradecémosllo moito aquel grupo da Coruña e arredores que nos animou coas súas cantigas despois da mesa da Misa e despois da mesa do banquete popular. Levaban o ánimo no corpo e nas voces e así o quixeron compartir connosco.
Gustáronnos os vosos curas, que vos animan na vida parroquial, pero tamén nos gustou ver que estades ben dispostos, homes e mulleres, para facer comunidade, e que estades dando pasos importantes que son envexa para moita xente. Por onde imos falamos de vós e das vosas iniciativas e todo o mundo medra en esperanza a conta vosa.


Houbéranos gustado andar algo os vosos montes, eses que lle dan nome ao voso pobo, e ver que estades preocupados polo aproveitamento dos vosos montes comunais; incluso soubemos que algunha comunidade polo menos ten o gando en común, compartindo gastos e beneficios. Desexamos que nin a moita auga nin os moitos lumes vos amarguen os días e freen a vosa ilusión. Tamén quedamos con ganas de ir a aquela feiriña que vimos que estaba andando na praza do pobo, pero para outro día será.
E que máis vos dicir? Que aquí estamos ao voso servizo esta xentiña de Cremos no Rural, que queremos ser felices vivindo a nosa vida e a nosa fe nas aldeas. Que nos gustaría vervos e compartir convosco máis veces. Que vos invitaremos para o San Cidre do ano que vén, por se vos apetece compartilo e celebralo connosco. E que queremos colaborar cos gastos que tivestes para poder ter todo tan a punto como o tiñades.
Unha morea de grazas, de bicos e de apertas. Estamos tamén ao voso dispor para o que ben queirades. Sempre amigas e amigos, sempre irmáns e irmás. Con todo o agarimo que Deus nos dá, e que nós queremos compartir con todas e todas vós.



No nome dos grupos de Cremos no Rural, Manolo Regal Ledo.  



miércoles, 9 de mayo de 2018

SAN CIDRE 2018

Lembrade que se acerca o día 15, 
o día de San Cidre
no que a xente do rural celebramos ao noso patrón.

Este ano celebraremos xuntos 

en Fornelos de Montes
no polideportivo municipal.
Este domingo 12, coincidindo coa Ascensión,
non deixes de vir se tes ocasión...


Lema: 
COA FORZA DA TERRA, COA FORZA DE DEUS.


Desenvolvemento da celebración

11h.- Acollida e entrada
            Entre as 11 e as 12 da mañá iremos chegando a Fornelos de Montes, ao Polideportivo municipal, onde nos acollerá xente do lugar. As comidas hainas que deixar no autobús, porque iremos comera outro lugar próximo.
            Iremos entrando no polideportivo e ocupando os asentos. Non se pode comer dentro do Polideportivo. As dúas persoas de cada grupo que leven os “signos” xa se dirixen ao lugar do Polideportivo que se lles indicará.
            Xa dentro farase un momento de ensaio e de explicación do que imos celebrar.

12.00h.- Empeza a celebración

1.- Procesión
            Para empezar, quen presida a celebración e máis as dúas persoas de cada grupo que levan os “signos” sairán dun lugar determinado do Polideportivo e diríxense en procesión cara ao lugar da celebración. Ocupan o seu lugar ao redor do que presida e do altar. Teñen os “signos” consigo.
(Os “signos” que levan cada persoa son dous: un que represente “a forza da terra”, e outro que represente “a forza de Deus”. Algo material, visible.)
Mentres cántase o himno do San Cidre: VIMOS ALEGRES CON MOITA UNIÓN

2.- Saúdo de quen preside e presentación
            Quen preside fai un saúdo xeral de benvida. E o guieiro da celebración presenta brevemente o lema do San Cidre e invita a que a xente diga de onde vén e por que trae o que trae. Explicacións preparadas e moi breves. Pódese ir botando algunha bomba ecolóxica.Van pousando os “signos” nun lugar adecuado ao redor do altar.
            Cando conclúen, vólvese retomar o lema, que repetimos entre todas e todos ata tres veces.
            O guieiro invita a que agora se presenten non os que veñen, senón os que están aquí. (10´ máis menos)
Xa presentados todos, repetimos o retrouso da HIMNO DO SAN CIDRE.

3.- Celebración do perdón
            Ábrea o que preside. O grupo de Bazar leva preparados tres comportamentos polos que necesitamos recibir e celebrar o perdón de Deus.
Cerra este momento tamén o que preside.

4.- Lecturas bíblicas
Farán as lecturas persoas de Fornelos de Montes.
Pareceunos ben ler as lecturas do domingo seguinte, o domingo da Ascensión, facendo especial fincapé naquilo de non mirar para o ceo, senón para as maneiras de realizar no día a día da terra a tarefa de Deus, que para nós ten rostro rural.

            Como salmo poderíase cantar:
PORQUE ES GRANDE, NOSO DEUS,  /  E VÉN DE TI CANTO É BO,
DESDE ESTA NOSA TERRIÑA  /  DÁMOSCHE GRAZAS, SEÑOR.


E que alguén recitará estes versos de loanza:


Loado sexas, Deus, nas túas obras,
loado por poñer tanta beleza
nos montes e nos ríos e nos prados,
no chan e no alto ceo desta terra.

Que te loen carballos centenarios,
que canten a túa gloria as sementeiras,
e o vento norte de fríos ateigado,
e o vento sur de humidades e morneza.

Loado sexas, Deus, en toda a vida,
loado por chamarnos á súa festa.
Loado sexas, Deus, pola túa gloria,
Loado sexas, Deus, loado sexas.


       Breve homilía de quen presida.

5.- Preces: Prepara as preces o grupo de Abadín.

6.- Ofertorio
            Non se fai ofrenda especial. Recordaremos que como ofrenda están alí os signos que trouxemos de cada lugar de Galicia.

7.- Silencio e agradecemento despois da comuñón
            O guieiro da celebración invita a un momento de silencio, para dar grazas; vai e evocando circunstancias da xornada para facilitar ese agradecemento. A xente vai repetindo: GRAZAS.

8.- Remate da celebración
            Antes da bendición final, proclamamos conxuntamente os nosos compromisos. Unha persoa vai lendo tres ou catro propostas deste estilo: “Estades dispostos a coidar a natureza que temos, as nosas terras, as nosas plantas, os nosos animais, e a gozar coa súa compaña e fermosura?”
E todo o mundo contesta: SI, COA FORZA DA TERRA, COAS FORZA DE DEUS.
cunha canción dedicada á xente do campo.


NOTA: 

            Recordade que quedamos en reservar 2 euros por persoa para contribuír aos gastos que a celebración orixine.
            Recordade tamén que debemos comunicar a Alicia ou a Manolo Regal o número de persoas que vai de cada grupo, para poder prever mellor todo o necesario.








sábado, 5 de mayo de 2018

Material para San Cidre

Logo da nosa última reunión 
na que preparamos a festa de San Cidre,
compartimos con todos os documentos 
que Manolo Regal preparaou 
na delegación de Pastoral Rural 
para a súa diocese de Mondoñedo-Ferrol





Achegas de Manolo Regal: