miércoles, 25 de julio de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (IV)


Modelo Ano 2013
            
           No ofertorio do primeiro día ofrecemos as rosas da xente enferma, da xente máis nova, da xente que nos visita pola festa.

Enfermos:

Con achaques estamos moitos, moitas, pero especialmente

A Basilisa dos Castros / a Oliva da Penamoura  /   e non tanto, A Maruxa do Venancio, a Maruxa do Rego de Candia, a Eludina, o Roberto e a Xosefa de Carballido, a Visita tamén de Carballido, a Teresa das do Pepe, a Crucita, operada de pouco, e o Manolo da Ponte Roxal, que tamén foi operado de cancro.
Unha cala para os enfermos.


A xente nova que vive connosco

            Non é moita: A Yolanda, o Eduardo e a María de Carballido, o Andrés e o Horacio do rego de Candia, o Amandino de Louside, o Luís e a María da Ponte Roxal, a Carme da Rozabella,  os pícaros de cas Seges, a Lucía e a Antía das do Pepe, a Iria dos Castros, o Eloy da Penamoura... Son poucos... témolos que coidar e mimar moito.
Unha cala para a xente nova

A xente de fóra que nos visita

            Algúns son de fóra e non o son, porque se criaron na parroquia, andan polo mundo e volven aquí, cabo dos seus cando poden e queren.
            Outros fóronse vinculando á parroquia cos lazos da amizade, da relación. Que fermosa a relación, a unión, os afectos que medran e se estenden!
Unha cala para a xente que nos visita nestes días.

Tres calas con gran cariño,
tres recordos con amor,
que de hoxe nun ano xuntos
celebremos o patrón.

            No ofertorio do segundo día ofrecemos trece rosas representando os trece barrios da parroquia, con este texto que facía referencia a algunha característica do barrio:

Por Louside unha rosa,
Fresca, limpa, ben fermosa!

Por Ponte Roxal, outra,
Peregrina, rezadora.

A rosa da Rozavella,
Que ole a cea e a estrelas.

Unha rosa polo Cristo,
Recendo de vellos muíños.

E esta vai polos Castros,
Cheo de historia e de encantos.

A rosa da Penamoura,
Bicos do monte que a douran.

Rosa dos Barrios do Rei,
Preciosa, de boa lei.

Ai, rosa da Pedrafita,
Aló enriba, que bonita!

A das Carballas é esta,
Rosa de humor e de festa.

Rosa do Rego de Candia,
De ao pé das augas que cantan.

A rosa de Carballido,
Amores non esquecidos.

E a rosa da Grandela
Que gusto dá mirar para ela!

Trece rosas, trece soños,
Trece amores, trece afáns,
Da roseira da parroquia,
Rosas de irmás e de irmáns.



Modelo Ano 2014

            Para o ofertorio presentamos: 
Catro rosas, levadas por un neno/a, un mozo/a, un adulto, un velliño.
O pan e o viño para a Eucaristía.

Primeira rosa: É a rosa dos nenos e nenas entrre os 0 e os 15 anos; temos na parroquia 9 nenos e nenas, ben é certo que aquí vivindo a diario con nosoutros na parroquia só temos un neno e unha nena; os demais son netos e netas de xente da parroquia que andan con frecuencia por aquí. Hai 13 anos que non naceu ningún neno na parroquia. Temos un serio problema de renovación. Esta é logo a rosa dos nenos e nenas, representa a súa alegría, as súas fantasías, as súas medras, os seus estudos, o moito que nos aportan. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS OS NOSOS NENOS E NENAS. (Repetimos esta frase todos)

Segunda rosa: É a rosa dos mozos e mozas, entre os 15 e os 35 anos. Temos na parroquia 9, todos máis ou menos ben preparados, algúns traballando, outros desexando facelo para darlle rumbo á súa vida. Algún, o Eduardo, a punto de casar, outras sabe Deus cando. É a rosa, logo, da mocidade, dos seus soños, das súas dificultades laborais, dos seus amores, das súas esperanzas. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS OS NOSOS MOZOS E MOZAS. (Repetimos esta frase todos).

Terceira rosa: É a rosa da xente adulta, entre os 35 e 65 anos, que son na parroquia 17 persoas, asentadas aquí, traballando no campo e noutros traballos, na parroquia ou  fóra dela. É a rosa das persoas adultas, do seu traballo, da súa resistencia, da súa capacidade de facer e gobernar vida, de facer tamén comunidade e parroquia, de atender nenos, mozos e velliños. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS TODA A NOSA XENTE ADULTA (Repetimos esta frase todos).

Cuarta rosa: É a rosa da xente maior, xubilada, entre os 65 e os 103 anos. Somos 46 persoas na parroquia. Bastantes entre os 80 e 90 anos e máis. O problema do despoboamento e do avellentamento do campo! É a rosa das súas enfermidades, dos seus sufrimentos, das súas inseguridades, pero tamén é a rosa da súa satisfacción pola vida vivida, da súa sabedoría, da súa serenidade, da súa bondade, da súa fe. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS TODOS OS NOSOS MAIORES. (Repetimos todos).

O pan e o viño para a Misa: o pan que se fará presenza de Xesús no medio de nós, co que seremos invitados nesta Misa especial de festa. Xesús quere sumarse á nosa festa, quere colaborar, quérese dar el todo por nós, quere darnos o espírito da alegría e da comunidades para que a festa sexa ben cumprida. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS A XESÚS.


viernes, 20 de julio de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (III)

Modelo Ano 2011

            Pregóns, preces para cada un dos dous días como outros anos. No ofrecemento ofrendamos tres cousas: unha ducia de margaridas brancas, unha corda e o pan e o viño.
Acompañamos cada cousa con este comentario:

Unha ducia de margaridas brancas
            Unha ducia de margaridas polas nosas enfermas e enfermos,
por toda a xente que ten achaques na súa saúde,
no corpo ou no ánimo,
especialmente pola Maruxa do Rego de Candia, operada recentemente,
pola Remedios do Martiño,
pola Xosefa e o Roberto de Carballido…
Margaridas brancas
coas que xogar ao xogo do “Quéreme / non me quere”,
sabendo sempre que as nosas enfermas e enfermos
recibirán o noso agarimo e coidado
e o agarimo e coidado de Deus.

Unha corda
            Esta corda representa a unión da parroquia.
Para facer unha corda forte,
fan falla centos de fiíños delgadiños.
Para facer a unión na parroquia,
fan falla as vontades de todos os veciños e veciñas.
A unión pódeo todo.
Coma a calquera outra parroquia,
tamén a nós nos custa a unión.
Pero este ano demos importantes pasos de unión
E querémolo recordar e celebrar.
Unha corda, logo, coa unión da parroquia.

O pan e o viño
            O pan e o viño de cada día, cos que nos mantemos e animamos para a vida.
O pan e o viño que serán Corpo e Sangue de Cristo, para mantemento e animación de todos nós.
Xesús súmase á nosa festa,
Invítanos tamén á súa mesa,
para alentarnos para o gozo e para o servizo da comunidade.



Modelo Ano 2012

            Este ano no ofertorio, ofrendamos un libro sobre a parroquia de Candia titulado: Candia, historia e presente dunha parroquia rural.
            Tamén presentamos unha cesta con 35 flores variadas, representando as 35 casas abertas que hai na parroquia.
            E con elas o pan e o viño
           
            Este ano fixemos tamén esta acción de grazas final, despois da Comuñón.


AGRADECEMENTO FINAL


Cada par de estrofiñas, contestan todos: 
AS NOSAS GRAZAS CHE DAMOS.

Polo Xermán e o Fernando
que pra a festa nos xuntaron.

Por cantos, dun xeito ou doutro,
na festa colaboramos.
-----------
Por quen cociña nas casas,
mentres nós folgando estamos.

Polos parentes e amigas,
que veñen acompañarnos.
-----------
Por Santa Sabela e Pedro,
os santos que veneramos.

Polo curiña que veu
para con Deus obsequiarnos.
------------
Pola música e o baile,
que nos volve máis humanos.

Pola Amalia, a nai da Edesia,
que hai pouco cumpriu cen anos.
------------
Por todos e todas nós,
que tanto valemos, tanto!

Por esta Misiña santa
que entre todos/as celebramos.
-------------

lunes, 16 de julio de 2018

16 de xullo - Festividade da Virxe do Carme


ORACIÓN Á VIRXE DO CARME

Santa María do Carme,
Señora Santa María,
vimos para amosarche
o noso amor e ledicia
nesta xornada de festa,
dándoche as grazas cumpridas.

Por seres nosa coidadora,
que por nós con ansia miras,
por mostrarnos a Xesús
na súa palabra e vida,
por nos dar vigor e paz,
Bendita Santa María.

Ben sexa a xente do mar
ou da terra, Nai querida,
a que no gozo ou no apreto
na túa axuda confía,
ante ti por un igual
dámosche as grazas, María.

Nos tempos que nós vivimos
con tanto amor e e avaricia,
con cousas que nos arrastran
cara o ben, cara á malicia,
connosco faro de luz,
Santa María, camiña.


Manolo Regal

PARROQUIA DE ABADÍN


Imagen relacionada
            Para quen non nos coñezades, Abadín é un pequeno Concello do norte de Lugo; forma parte da Terra Cha, pero está xa no límite coa Mariña lucense. O Concello ten 18 parroquias, algunhas bastante chas, outras a medias e outras bastante ou moi altas. De feito formamos tamén parte da serra do Xistral e o pico máis alto desta serra bate con Montouto, unha das parroquias máis ao noroeste do Concello. Hai moito gando vacún de carne, moi pouco de leite, e un bo número de gando cabalar. Somos uns 2.600 veciños e veciñas. Estamos moi avellentados, poucos novos levando as casas, e a tendencia clara é a que a cousa se agudice máis cada día.

            O noso grupo ten moita historia. Remóntase xa aos anos 1985. Chegou a haber grupos do que daquela se chamaba Movemento Rural Cristián en catro parroquias. Algunha xente foi envellecendo e morrendo, outra desentendeuse disto, aínda que o segue respectando; e así chegamos ao que somos hoxe, un só grupo formado por oito persoas. Temos gusto polo que o grupo é, polo que o grupo promove e polo que o grupo nos aporta, e por iso seguimos aí. O grupo está formado polas tres relixiosas da Sagrada Familia que hai en Abadín,  Rosa, Izaskun e Paquita, por Herminia, Eliseo, Pepe, Manolo, Delia e Fernando. E estamos levando a cabo con normalidade o traballo que desde o ano pasado se foi promovendo desde o movemento de Cremos no Rural.

            Este ano empezamos un pouco tarde o grupo. Houbo problemas de saúde con algunha persoa que nos aconsellou demorar o comezo. A primeira xuntanza tivémola o 25 de outubro, e a ela asistimos 7 persoas. Sempre que empezamos o curso, dedicamos a primeira xuntanza a falar de cómo nos foi o verán, que cousas vivimos con máis intensidade por calquera razón; isto permítenos coñecernos e unirnos e ir creando unha corrente fonda de agarimo e solidariedade entre nós. E de paso tamén somos sabedores de cousas que pasan aquí e acolá, que, se non fose así, igual non coñeceriamos.

            Acordamos ter grupo o segundo e o cuarto mércores de mes, pero por razóns dalgunha ausencia obrigada o segundo grupo tivémolo o 22 de novembro e a el asistimos 6 persoas. Neste grupo fixemos memoria do que fora o Cursiño de Verán que celebramos en Santiago o 16 de setembro, no que quedaron marcadas as liñas de traballo para os grupos durante o curso no que estamos.

            Tamén recordamos neste grupo o momento no que estabamos do noso traballo. Nós, para o tipo de comunidade cristiá parroquial á que nos gustaría chegar, puxeramos estas catro cousas:
1/ Chegar a ser unha comunidade na que todos esteamos preocupados pola formación nas cousas da fe e nas cousas da vida.
2/ Chegar a ser unha comunidade que xunte moito e ben as cousas da fe e as cousas da vida.
3/ Chegar a ser unha comunidade  sensible, afectada polas penas e as alegrías da xente.
4/ Chegar a ser unha comunidade na que favorezamos que vaian xurdindo animadores e animadoras laicas.

            Para cada unha destas catro cousas tamén tiñamos xa sinaladas as cousas que sería bo que fixésemos para ilas acadando. E de momento soamente para a primeira tiñamos sinalado tamén as cousas que, dentro desas posibles que se poderían facer, nós estabamos capacitadas e dispostas a facer neste momento. Que era estas:
Resultado de imagen de abadín lugo--Manter as xuntanzas de lectura comunitaria dos Evanxeos, que viñamos facendo, invitando a máis xente para participar.
--Seguir traballando co método de Catequese de nenos/nenas de Primeira Comuñón, que é un método do estilo de Preescolar na Casa, que vai involucrando a pais e nais na formación dos fillos/fillas.
--Preocuparnos polas cousas que pasen que afectan ao mundo da aldea; saír, participar, ler, compartir información dentro do grupo e fóra do grupo.
--Como no da xente nova andamos algo perdidas/os, quedamos tamén en ver o que outros fan por aí, para abrir algo os ollos e animarnos.

Estamos xa botando a andar estas cousas referidas ao primeiro punto da comunidade desexada, e seguiremos desenvolvendo os tres restantes.
Este mércores,  13 de decembro teremos a próxima xuntanza.

            E nestas andamos. Esperamos que vós tamén vos estaredes movendo e facendo o que poidades. Xa nos veremos e falaremos cando o 13 de xaneiro nos xuntemos en Santiago, porque supoñemos que xa sabedes que, aínda que se quedara en que a xuntanza xeral sería o 20 de xaneiro, logo de alí a pouco xa se cambiou para o 13 de xaneiro. Que gocedes moito cos gozos do Nadal. Que o celebredes calidamente coas vosas familias, coas vosas comunidades, na vosa parroquia.
            
Bicos e apertas para todos e todas.



lunes, 2 de julio de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (II)


 Modelo Ano 2008



Pregón para os dous días,  preces apropiadas, e como especial no ofertorio presentamos tres cousas:

O pan e o viño, con este comentario:
Presentámosche o pan-
O noso pan de cada día,
O pan que hoxe compartiremos nas nosas mesas moi amigablemente,
O pan que, por iso mesmo se fará santo nas nosas mans.
O teu pan, o noso pan,
O pan que ti nos dás, repleto de amor e de amizade.
Repleto de ti mesmo.


Presentámosche o viño,
O sangue das nosas veas,
O sangue das túas veas,
A ledicia fervendo polo noso corpo 
e pola nosa alma,
Os bailes de hoxe,
A ledicia da xente pobre,
O soño da humanidade de sermos felices 
na irmandade real.

E estes dous caraveis brancos,
Un polo Adrián,
Fillo de Ana e do Xosé Lois de Carballido,
E outro pola criatura que está a punto de nacer,
Filla que será da Jacqueline e do seu home Fernando.
Os dous xermolos máis novos da nosa parroquia de Candia.


Modelo Ano 2009
           
         Este ano foi accidentado na nosa festa. O primeiro día de festa, pola noite, cando se dirixía cara á festa, a nosa veciña Ilda foi atropelada por un coche e morreu no acto. Suspendeuse a verbena e os festexos do día seguinte. Si que se celebrou a Misa.
         O pregón do primeiro día foi dito en versos populares. Dicía así:

PARA O SAN PEDRO

Así temos o san Pedro
que é o noso Patrón,
levando as chaves na man,
todo cheo de razón.
Chaves que son para abrir
as vidas e os corazóns
para que entren e saian
as máis limpas emocións.

Chaves que abren carteira,
sen ser chaves de ladrón,
para que con outros do noso
fagamos repartición.

Chaves do Santo Evanxeo
que Pedro en Cristo mamou,
e que agora nolo ofrece
cal grande e prezado don.

San Pedro está moi contento
ao ver a gran devoción
coa que todos os veciños
facemos festa en unión.

Canto se alegra saíndo
coa xente en procesión!
que os santos por seren santos
do pobo foron e son.

Que bendiga esta parroquia
e todas as do arredor,
que nos dea paz e alento,
que son grande bendición.

Que nos faga loitadores
ata a mesma rebelión
contra aqueles que da aldea
fan desprezo e negación.

Que bendiga os dous ramistas
que armaron este folión,
e a cantos serven o pobo
sen gañar un patacón.

Que viva o noso San Pedro!
Que viva o noso Patrón!
Que vivamos moitos anos
con tantos folgos e humor.


            No ofertorio dese día ofrendamos seis flores, unha por cada unha destas realidades: a xente que estivera especialmente enferma ese ano, a xente sa e con saúde, os defuntos que morreran ese ano, os poucos nenos e nenas da parroquia, os ramistas da festa, a dos namorados e namoradas.

            Pola noite foi a morte de Ilda e isto condicionou o resto da festa. O pregón recollía este feito. Tamén lemos uns versos populares dedicados neste caso ás santas Sabela e Lucía. Dicía así:

PARA SANTA SABELA E SANTA LUCÍA