miércoles, 26 de septiembre de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (VI)

Modelo Ano 2016

            A modo de exemplo copiamos o pregón de festa deste ano e tamén as preces e os ofrecementos dos dous días de festa..

PREGÓN

         Veciños e veciñas, amigas e amigos que de cerca ou de lonxe nos quixestes acompañar nestes días da nosa festa: grazas por vir, grazas por acompañarnos, grazas por contribuír coa vosa presenza, cos vosos ánimos a facer máis fermosos estes días de festa parroquial.
         Temos moitas razóns para facer festa. Somos unha parroquia pequena, de só 26 veciños fixos e logo algo máis dunha media ducia que veñen con gusto a facer parroquia os fins de semana. Somos de idade avanzada.  Pero temos unha parroquia preciosa, unhas terras preciosas, unhas casas que se foron preparando moi ben; aínda hai bastante gando polos nosos prados, e seguimos apostando por vivir e convivir harmoniosamente nesta terra na que nos tocou vivir.
         Ademais este anos pasáronnos cousas preciosas que tamén fai falla celebrar: coa axuda da Deputación e do Bispado e tamén coa colaboración dos veciños lousamos a igrexa, cerrámola con portas novas e instalamos o sistema de toque eléctrico nas campas. Este ano pasado inauguramos tamén o local social, onde nos xuntamos por diferentes motivos durante o ano, sempre para cousas boas.
         É certo que este ano morréronnos dúas persoas: o Alfredo e a Granada, pero as súas vidas foron vidas ben completas, que tamén é necesario agradecer e celebrar. E de maneira moi especial estamos contentos porque este ano, despois de moitos, naceunos na parroquia unha nova criatura, que se chama Alba, filla de Francisco e de Sara, e tamén hai pouco houbo unha nova parella de fóra da parroquia que mercou unha casa aquí para facer vida connosco; chámanse Alberto e Laura.
         Vedes, amigas e amigos, que non nos faltan razóns para a festa. Por iso todos os veciños e veciñas, animados este ano polos ramistas Xavier e Manolo, colaboramos con cartos, amañamos o adro e o campo da festa, limpamos as casas, puxémonos guapos, preparamos as comidas, dispuxemos os ánimos, para compartir con vosoutros cantos somos e temos.
         E facémolo á sombra dos santos Pedro e Sabela, que é coma facelo á sombra de Deus, do que esperamos ánimos e forza para seguir vivindo e convivindo na parroquia de Candia con ánimo, con humor, con esperanza, con valentía.
         Feliz festa, logo, amigas e amigos. No nome de Deus, no nome dos santos Pedro e Sabela, no nome de todos os veciños e veciñas de Candia, feliz festa.

Ofrecementos

(en procesión desde o fondo da igrexa: o cartel da festa, a folla de colaboración económica dos veciños e veciñas, e o pan e o viño para a Eucaristía)

Cartel da festa
         Ofrecémosche, Señor,
         a música e os músicos,
         que nos han facer bailar
         cos seus toques e os seus ritmos.
         A orquestra “Acordes” de Lugo,
         o grupo Elite, un trío,
         os gaiteiros da Subela
         con aires galegos vivos.
         Con eles a gran orquestra
         de veciñas e veciños
         do próximo Sancobade,
         que en Sintonía unidos
         espallan por onde van
         humores e amores vivos.

         Recibe este ofrecemento,       
         noso Paiciño querido,
         e aos músicos e a todos nós
         co teu santo humor bendinos.

Folla da colaboración veciñal
         Cos cartos de uns e doutros
         melloramos esta igrexa.
         Viva a colaboración         
         e quen a apoia e defenda.
         Acepta, Deus Pai do ceo,
         esta nosa humilde ofrenda,
         e que medre na parroquia
         a unión que dá vida terma.

Pan e viño para a Eucaristía
       Ofrendámosche o pan,
         que será corpo de Cristo,
       sostén da comunidade
         e en horas de pena, alivio.
         Co pan tamén che ofrendamos
         esta copiña de viño,
         ledicia comunitaria,
         sangue comprometido,
         fidelidade cumprida
         do teu Fillo benquerido.
         Acepta estes nosos dons,
         noso Paiciño querido,
         Fainos valentes e humildes
         coma o mesmo Xesucristo.

2º día da festa

Pregonciño



2º día da festa. Preces

 Neste segundo día da festa presentámoslle de novo a Deus as nosas oracións, para que a súa bendición nos acompañe sempre na vida. Contestamos a cada oración dicindo xuntos:

CONFIAMOS EN TI, PAI NOSO

n  Confiamos en ti, e poñemos nas túas mans o Alfredo e a Granada, que morreron este ano, as súas familias, a familia da Marité que tamén perdeu a súa mai no Arneiro, e a todas as persoas que por enfermidade ou desalentos non está animadas para a festa; que lles saibamos transmitir conforto e alento. Oremos.
n   Confiamos en ti, Pai noso, e poñemos nas túas mans as casas e familias todas da parroquia; que nos respectemos e coidemos moito uns a os outros, de xeito que dea gusta vivir e convivir en Candia. Oremos.
n  Confiamos en ti, Pai noso, e poñemos nas túas mans a todas as persoas que nos viñeron acompañar por estas festas parroquiais; que todos medremos en harmonía e en valentía para seguir defendendo a nosa vida no campo. Oremos.
n  Polos políticos, para que poidan facer un goberno xusto e limpo, que defenda non os intereses dos poderosos, senón as necesidades das persoas e familias máis humildes. Oremos.
n  Pola xente que non ten abundancia que nós temos, e carecen casa, de traballo, de menciñas, do pan de cada día. Que saibamos compartir con eles algo da nosa abundancia. Oremos.

Presentación das ofrendas

(Unha procesión pequena da Sara e o Francisco coa súa nena, do Alberto e a Laura, e o pan e viño da Eucaristía)

Ofrenda da nena Alba

Sara e Francisco
xuntaron as vidas
e froito do amor
tiveron familia.

Velaquí a Alba,
graciosa rosiña
que medra contenta
envolta en caricias.

Xa foi bautizada,
xa deu alegrías
O ceo e a terra
entoan cantigas.

Que ofrenda máis guapa!
Que Deus a bendiga!


Ofrenda do Alberto e da Laura

Évos cousa ben preciosa
a que sucedeu en Candia:
entre nós mercaron casa
o Alberto e máis a Laura,
(a mesma casa onde o Próspero
e a Demetria habitaran).

A Laura de Castromaior,
o Alberto de Abadín
despois de telo pensado
connosco van convivir.

Non presumen de vilegos,
e vailles o aire da aldea,
que entre nós teñan contento,
pan e paz en toda regra.

Ofrendámoschos, Pai bo,
coa esperanza ben aberta
de que para eles has ser
alento e compaña certa.


Pan e viño para a Eucaristía

Ofrendámosche o pan,
que será corpo de Cristo,
sostén da comunidade
e en horas de pena, alivio.

Co pan tamén che ofrendamos
esta copiña de viño,
ledicia comunitaria,
sangue comprometido,
fidelidade cumprida
do teu Fillo benquerido.
         
Acepta estes nosos dons,
noso Paiciño querido,
Fainos valentes e humildes
coma o mesmo Xesucristo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario