jueves, 16 de agosto de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (V)

Modelo Ano 2015

            Este ano, ademais dos pregóns das preces especiais, no ofertorio resaltamos o local social da parroquia que levabamos moitos anos querendo facelo e non dabamos acabado; este ano inaugurámolo. Tamén resaltamos a orquestra Sintonía de Sancobade, orquestra en play-back, composta por veciños e veciñas da parroquia de Sancobade, que co que ganan contribúen en obras solidarias.

            Para o ofrecemento, saen en procesión cara ao altar as seguintes persoas:
. Unha levando tres rosas e tres caraveis.
. Outra levando a foto do local social.
. Outra levando a foto de orquestra Sintonía de Sancobade.
. Outra levando o pan e o viño para a Misa.

Ao chegar diante do altar, unha quinta persoa pregúntalle á que trae as flores:
--Que traes aí, miña amiga (ou meu amigo)?
E ela contéstalle:
--Unha rosa / Por cada cousa fermosa /Que vai animando a vida.
E vólvelle preguntar:
--Que traes aí, miña amiga?
 E ela responde:
-Un caravel, / Un chucho de leite e mel, / Para curar as feridas.

            Logo vanse presentando as diferentes ofrendas; preséntase a foto ou o que sexa, e unha persoa recita os versos correspondentes. Ao remate de cada grupo de versos todos repetimos: Unha rosa … un Caravel…, que a persoa das flores pon enriba do altar acompañando a cada cousa.

OFRECEMENTOS

Foto local social

Moito nos deu que facer
este local tan cativo,
catro paredes e un teito,
e a cousa non daba sido.

Pero por fin este ano
o soño viuse cumprido:
todo feito e rematado
para gozo dos veciños.

Ofrecémosllo ao Señor,
que no seu calado estilo
alentounos pra loitar
polo común espelidos.

Que sexa lugar de encontro,
de gozo, festa e alivio,
lugar para máis querernos,
e para mellor servirnos.

………………..


Foto Sintonía de Sancobade

Sintonía de Sancobade
vaia orquestra máis bonita
fórmaa xente do pobo
á que lle gusta a alegría

Tocan coas cordas da alma
pezas que ao baile convidan,
promoven a boa unión,
a imaxinación e a risa.

E do que tocando gañan
un bo bocado destinan
a axudar a xente pobre
no que pra vivir precisan.

Con gusto aquí a poñemos:
que se faga Eucaristía
co Corpo e Sangue de Cristo
que as nosas penas alivia.






Pan e viño             

Pan e viño che ofrecemos,
necesarios para o camino.

Pan e viño che ofrecemos,
con toda a fe, con cariño.

Que nunca a ninguén lle falte
o pan, a paz, o agarimo.

Que nunca a ninguén lle falte,
a unión e a festa co viño.

Pan bendito para nós,
mantenza que nos dá Cristo.

Viño santo de irmandade,
Sangue de amor e servizo.


            O segundo día da festa foi, coma sempre, máis dedicado a santa Sabela, e con ela, este ano, ás mulleres todas da nosa parroquia

OFRECEMENTO

1.- Lemos a relación dos nomes das mulleres da parroquia, algo versificada, por barrios.

2.- Santa Sabela, raíña de Portugal era moi amiga de axudar á xente máis pobre. Na casa protestábanlle porque era tan espléndida dos pobres e vixiábana, para que non os regalase tanto. Por iso sobre dela deuse en contar esta lenda, que di moito da bondade da nosa santa. Un día ía ela co mantelo cheo de obsequios para a xente pobre, e alguén da casa real, sabendo qué era o que levaba no mantelo, disposto a botarlle unha boa reprimenda, díxolle: Con que esas temos, he, Sabela; témosche protestado tanto e ti segues baleirando a casa para agasallar a xente pobre. Pero ela, con toda tranquilidade, aínda sabendo que iso era certo, díxolle: non, non son bens para a xente pobre, son rosas das nosas roseiras.
Abriu o mantelo, e era certo, os agasallos convertéranse en rosas.

(Unha muller ten un mantelo cheo de rosas, e achégase neste momento: abre o mantelo e amosa as rosas)


3.- Ben, pois hoxe, xunto co pan e co viño, N. vai ofrecer un mantelo cheo de rosas para honrar a Santa Sabela pola súa consideración coa xente pobre, e para honrar as nosas mulleres das que tantas cousas boas recibimos cada día. E tamén para honrar a todas as persoas xenerosas, que comparten do que son e do que teñen con quen anda en necesidade.
(Pódese dar un aplauso).



RELACIÓN DAS MULLERES TODAS DA PARROQUIA DE CANDIA
(A 5 DE XULLO DO 2015)




No hay comentarios:

Publicar un comentario