domingo, 30 de septiembre de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (VII)

Ano 2017
         
Poñemos aquí todo o material empregado este ano, a modo de exemplo: pregóns, preces, ofrecementos.

Primeiro día

Pregón
         Veciñas e veciños todos da parroquia de Candia. Familiares e amigos que nos viñestes acompañar doutros lugares: sede todos benvidos a este día de festa e a esta Misa coa que queremos empezar os nosos festexos.
         Sabede todas e todos que nos gusta manter as nosas festas; aínda que sexan miúdas na aparencia, nas bombas, nas orquestras, querémolas facer grandes coa nosa ledicia, coa nosa unión, co noso desexo de compartir, coa nosa amizade.
         Este ano foron o Fernando e o Xermán os que se encargaron de organizala. Moito llelo agradecemos. Pero ben sabedes que as festas son cousas de todos e todas e que todos e todas colaboramos para facelas fermosas e animadoras. Seguro que tamén nos vai axudar a iso a presenza dos que, vindo de fóra, nos queredes acompañar.   
         Ánimo, pois, amigas e amigos para estas festas. Gocémolas canto ben poidamos; compartámolas canto ben poidamos;  convertámolas nunha forza que nos axude a seguir vivindo na aldea con orgullo, coidando a casa, as terras, os animais, a familia, a veciñanza, a parroquia toda como estupendos regalos que Deus nos deu.
         Feliz festa, logo, amigas e amigos. Fagámola ben grande. Deus, coma sempre, está aquí para acompañarnos e alentarnos. Os seus santos Pedro e Sabela ensínannos a andar con entusiasmo nas cousas de Xesús e a traballar pola paz e a acompañar con agarimo a xente máis débil.
         Feliz festa, amigas e amigos. Paz e ben e ledicia e concordia para todos no nome de Deus e dos seus santos e santas. Feliz festa!

Preces
         Neste día tan fermoso da nosa festa presentemos diante de Deus as nosas necesidades e desexos de ben. Contestamos acada oración dicindo xuntos:
 NAS TUAS MANS, PAI, POÑEMOS AS NOSAS VIDAS.

n  Poñemos nas túas mans coidadoras as persoas máis maiores e enfermas da nosa parroquia: a Alexandrina e a Oliva da Penamoura, o Xesús do Martiño dos Castros, a Teresa das Prazas, o Suso de Rego de Candia, a Xosefa e o Roberto da Grandela, o Xabier do Xaime, o Xosé Bello, o Amancio…, que poidan gozar de boas atencións cada día, e que o día da festa lle traia tamén algo de alivio e conforto. Oremos.
n  Poñemos nas túas mans o Xermán e o Fernando que organizaron a festa deste ano, e a todas as persoas que se moven para poñer algo de vida nas nosas parroquias; para que non afrouxen, para que atopen sempre a colaboración necesaria. Oremos.
n  Poñemos nas túas mans a nosa vida relixiosa, para que co exemplo de san Pedro e santa Sabela medremos na fe, na esperanza e no amor, e nos animemos a andar polos camiños de Xesús de Nazaré. Oremos.
n  Poñemos nas túas mans a toda a xente que foxe de guerras e miserias e non atopa onde facer vida. Que contribuamos, no que poidamos, a facer desta terra un lugar de fraternidade e de compartir. Oremos.

Ofrecementos


Segundo día

Pregón


Preces
         Neste segundo día da nosa festa, presentémoslle tamén a Deus as nosas pregarias con toda confianza. Contestamos a cada oración dicindo xuntos:
         TI ES, SEÑOR, A NOSA PAZ E A NOSA FESTA

n  Lembramos as persoas da nosa parroquia que morreron desde a festa do ano pasado ata a deste ano: o Amandino e a Basilisa. Que gocen no descanso de Deus, e que as súas familias medren en paz e esperanza para a vida. Oremos.
n  Lembramos o neniño que naceu entre nós durante este ano, o Francisco Luís, fillo de Francisco e de …., que se críe con saúde e con bos agarimos, e que a súa mai e o seu pai gocen véndoo medrar no corpo e no espírito. Oremos.
n  Lembramos tamén a todos os nenos e nenas que hai polo mundo adiante carecendo de cousas básicas: menciñas, educación, familias, agarimos; que axudemos no que poidamos a que en calquera neno ou nena do mundo haxa tamén festa. Oremos.
n  Lembremos a xente que traballa porque o mundo da aldea teña vida e pare dunha vez este irse pechando casas e abandonalo todo. Que nos dispoñamos a loitar por este noso medio de vida tan precioso. Oremos.
n  Lembremos a toda a xente das nosas casas e familias. Que non perdamos a paz, a ilusión, a esperanza. Que sintamos a Deus ben preto das nosas vidas para alentalas sempre. Oremos.

Ofrecementos

Unha coroa de loureiro e unha cestiña de flores das recollidas na parroquia, para mostrar o noso recordo e agradecemento polas persoas defuntas este ano: Amandino e Basilisa.

Unha persoa preséntaas, e despois lese:

Esta coroa de trunfo
que agora aquí presentamos
é para honra e máis gloria
de quen hoxe recordamos.

Amandino e Basilisa,
Basilisa e Amandino,
que desta nosa parroquia
foron veciña e veciño.

Que teñan gloria no ceo,
que no ceo fagan festa
que os teñamos no recordo
agradecidos por el,
agradecidos por ela.

Outra cestiña de flores polo neno que naceu este ano, o Francisco Luís

Estas flores tan fermosas,
tan branquiñas e inocentes,
son para llas ofrecer
ao neniño relucente
que naceu nesta parroquia
na época máis recente.

Francisco Luís se chama
fillo de Sara e Francisco,
naceu aló por febreiro
tempo de inverno e de frío,
pero entre os seus atopou
quenturas mil e agarimos.
E xa polo mes de maio
bautizárono en Cristo.
Que coa súa irmá, a Alba,
medre no corpo, no espírito.

E outra persoa conclúe:

E todo isto ofrecemos / unido ao pan e ao viño
que serán para nosoutros / o Corpo e Sangue de Cristo.








No hay comentarios:

Publicar un comentario