Para
quen non nos coñezades, Abadín é un pequeno Concello do norte de Lugo; forma
parte da Terra Cha, pero está xa no límite coa Mariña lucense. O Concello ten
18 parroquias, algunhas bastante chas, outras a medias e outras bastante ou moi
altas. De feito formamos tamén parte da serra do Xistral e o pico máis alto
desta serra bate con Montouto, unha das parroquias máis ao noroeste do
Concello. Hai moito gando vacún de carne, moi pouco de leite, e un bo número de
gando cabalar. Somos uns 2.600 veciños e veciñas. Estamos moi avellentados,
poucos novos levando as casas, e a tendencia clara é a que a cousa se agudice
máis cada día.
O noso grupo ten moita historia.
Remóntase xa aos anos 1985. Chegou a haber grupos do que daquela se chamaba
Movemento Rural Cristián en catro parroquias. Algunha xente foi envellecendo e
morrendo, outra desentendeuse disto, aínda que o segue respectando; e así
chegamos ao que somos hoxe, un só grupo formado por oito persoas. Temos gusto
polo que o grupo é, polo que o grupo promove e polo que o grupo nos aporta, e
por iso seguimos aí. O grupo está formado polas tres relixiosas da Sagrada
Familia que hai en Abadín, Rosa, Izaskun
e Paquita, por Herminia, Eliseo, Pepe, Manolo, Delia e Fernando. E estamos
levando a cabo con normalidade o traballo que desde o ano pasado se foi
promovendo desde o movemento de Cremos no Rural.
Este ano empezamos un pouco tarde o
grupo. Houbo problemas de saúde con algunha persoa que nos aconsellou demorar o
comezo. A primeira xuntanza tivémola o 25 de outubro, e a ela asistimos 7
persoas. Sempre que empezamos o curso, dedicamos a primeira xuntanza a falar de
cómo nos foi o verán, que cousas vivimos con máis intensidade por calquera
razón; isto permítenos coñecernos e unirnos e ir creando unha corrente fonda de
agarimo e solidariedade entre nós. E de paso tamén somos sabedores de cousas
que pasan aquí e acolá, que, se non fose así, igual non coñeceriamos.
Acordamos ter grupo o segundo e o
cuarto mércores de mes, pero por razóns dalgunha ausencia obrigada o segundo
grupo tivémolo o 22 de novembro e a el asistimos 6 persoas. Neste grupo fixemos
memoria do que fora o Cursiño de Verán que celebramos en Santiago o 16 de
setembro, no que quedaron marcadas as liñas de traballo para os grupos durante
o curso no que estamos.
Tamén recordamos neste grupo o
momento no que estabamos do noso traballo. Nós, para o tipo de comunidade
cristiá parroquial á que nos gustaría chegar, puxeramos estas catro cousas:
1/
Chegar a ser unha comunidade na que todos esteamos preocupados pola formación
nas cousas da fe e nas cousas da vida.
2/
Chegar a ser unha comunidade que xunte moito e ben as cousas da fe e as cousas
da vida.
3/
Chegar a ser unha comunidade sensible,
afectada polas penas e as alegrías da xente.
4/
Chegar a ser unha comunidade na que favorezamos que vaian xurdindo animadores e
animadoras laicas.
Para cada unha destas catro cousas
tamén tiñamos xa sinaladas as cousas que sería bo que fixésemos para ilas
acadando. E de momento soamente para a primeira tiñamos sinalado tamén as
cousas que, dentro desas posibles que se poderían facer, nós estabamos
capacitadas e dispostas a facer neste momento. Que era estas:

--Seguir
traballando co método de Catequese de nenos/nenas de Primeira Comuñón, que é un
método do estilo de Preescolar na Casa, que vai involucrando a pais e nais na
formación dos fillos/fillas.
--Preocuparnos
polas cousas que pasen que afectan ao mundo da aldea; saír, participar, ler, compartir
información dentro do grupo e fóra do grupo.
--Como
no da xente nova andamos algo perdidas/os, quedamos tamén en ver o que outros
fan por aí, para abrir algo os ollos e animarnos.
Estamos xa botando a andar estas cousas referidas ao
primeiro punto da comunidade desexada, e seguiremos desenvolvendo os tres
restantes.
Este
mércores, 13 de decembro teremos a
próxima xuntanza.
E nestas andamos. Esperamos que vós
tamén vos estaredes movendo e facendo o que poidades. Xa nos veremos e
falaremos cando o 13 de xaneiro nos xuntemos en Santiago, porque supoñemos que
xa sabedes que, aínda que se quedara en que a xuntanza xeral sería o 20 de
xaneiro, logo de alí a pouco xa se cambiou para o 13 de xaneiro. Que gocedes
moito cos gozos do Nadal. Que o celebredes calidamente coas vosas familias,
coas vosas comunidades, na vosa parroquia.
Bicos e apertas para todos e todas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario