viernes, 20 de julio de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (III)

Modelo Ano 2011

            Pregóns, preces para cada un dos dous días como outros anos. No ofrecemento ofrendamos tres cousas: unha ducia de margaridas brancas, unha corda e o pan e o viño.
Acompañamos cada cousa con este comentario:

Unha ducia de margaridas brancas
            Unha ducia de margaridas polas nosas enfermas e enfermos,
por toda a xente que ten achaques na súa saúde,
no corpo ou no ánimo,
especialmente pola Maruxa do Rego de Candia, operada recentemente,
pola Remedios do Martiño,
pola Xosefa e o Roberto de Carballido…
Margaridas brancas
coas que xogar ao xogo do “Quéreme / non me quere”,
sabendo sempre que as nosas enfermas e enfermos
recibirán o noso agarimo e coidado
e o agarimo e coidado de Deus.

Unha corda
            Esta corda representa a unión da parroquia.
Para facer unha corda forte,
fan falla centos de fiíños delgadiños.
Para facer a unión na parroquia,
fan falla as vontades de todos os veciños e veciñas.
A unión pódeo todo.
Coma a calquera outra parroquia,
tamén a nós nos custa a unión.
Pero este ano demos importantes pasos de unión
E querémolo recordar e celebrar.
Unha corda, logo, coa unión da parroquia.

O pan e o viño
            O pan e o viño de cada día, cos que nos mantemos e animamos para a vida.
O pan e o viño que serán Corpo e Sangue de Cristo, para mantemento e animación de todos nós.
Xesús súmase á nosa festa,
Invítanos tamén á súa mesa,
para alentarnos para o gozo e para o servizo da comunidade.



Modelo Ano 2012

            Este ano no ofertorio, ofrendamos un libro sobre a parroquia de Candia titulado: Candia, historia e presente dunha parroquia rural.
            Tamén presentamos unha cesta con 35 flores variadas, representando as 35 casas abertas que hai na parroquia.
            E con elas o pan e o viño
           
            Este ano fixemos tamén esta acción de grazas final, despois da Comuñón.


AGRADECEMENTO FINAL


Cada par de estrofiñas, contestan todos: 
AS NOSAS GRAZAS CHE DAMOS.

Polo Xermán e o Fernando
que pra a festa nos xuntaron.

Por cantos, dun xeito ou doutro,
na festa colaboramos.
-----------
Por quen cociña nas casas,
mentres nós folgando estamos.

Polos parentes e amigas,
que veñen acompañarnos.
-----------
Por Santa Sabela e Pedro,
os santos que veneramos.

Polo curiña que veu
para con Deus obsequiarnos.
------------
Pola música e o baile,
que nos volve máis humanos.

Pola Amalia, a nai da Edesia,
que hai pouco cumpriu cen anos.
------------
Por todos e todas nós,
que tanto valemos, tanto!

Por esta Misiña santa
que entre todos/as celebramos.
-------------

No hay comentarios:

Publicar un comentario