miércoles, 12 de mayo de 2021

Guía para a celebración eucarística do día de S. Cidre

15 DE MAIO: SAN SIDRO OU CIDRE,

PATRÓN DA XENTE DO CAMPO, DÍA DO MUNDO DA ALDEA

Poderiamos decorar o espazo da celebración con motivos que nos recorden o traballo as ferramentas, os froitos que recollemos,… Antes de empezar a celebración podiamos conversar un pouco sobre os gozos e sombras da nosa vida rural hoxe. Recordamos o lema desta xornada:

- COIDÉMONOS; se o vemos oportuno, podemos ler o comunicado da Delegación para o día do mundo da aldea, ou polo menos comentalo algo.

- Se temos algunha imaxe de San Cidre, poñela ben á vista. En todo caso, evocar a súa figura de home de aldea coa súa muller María da Cabeza, que atoparon na súa fe cristiá luz e forzas para vivir dignamente na aldea

- Para os cantos, escoller os que a comunidade máis coñeza.


Introdución:

COIDÉMONOS!, ese é o lema do día do mundo da aldea para este ano. Un lema ao que o noso Deus da vida sempre se apunta, porque o máis propio del é tamén coidarnos.

Nesta Eucaristía acollemos e agradecemos os coidados que o noso Deus bendito nos dá de tantas maneiras.

Nesta Eucaristía recordamos e agradecemos todos os coidados que entre nós nos damos e recibimos.

Nesta Eucaristía animámonos a seguir dando e acollendo coidados.


Celebración do perdón

Deus cóidanos tamén co seu perdón. Deixémonos coidar por el.

 Perdón por abandonarnos na saúde do corpo e do espírito.

CÓIDANOS, DEUS QUERIDO, CON TEU PERDÓN.

 Perdón por desentendemos dos nosos veciños, sobre todo cando o

están pasando mal.

 Perdóanos por engurrarnos e non defender máis a vida da aldea. 



Lecturas da Palabra de Deus


1ª lectura: 

1Cor 13, 12-26: A familia, a comunidade, a parroquia, a aldea somos coma un corpo con moitos membros necesitados de coidados.


Do mesmo xeito que a muller vén do home, o home vén por medio da muller; e todo vén de Deus.

Xulgade por vós mesmos: é decente que a muller rece a Deus coa cabeza descuberta? Non vos ensina a mesma natureza que é unha deshonra  para o home deixar medrar o pelo; e que, pola contra, cámpalle á muller o pelo longo? Pois a ela as guedellas déronselle coma pano da cabeza. Ademais, se alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as igrexas de Deus.

O facervos estas recomendacións, non podo aplaudir o feito de que as vosas reunións produzan máis mal ca ben. O primeiro que oio é que cando vos xuntades en asemblea hai divisións entre vós e, en parte, créoo. Pois é necesario que haxa bandos entre vós, para que se vexa quen entre vós é honesto.

Deste xeito, cando vos xuntades en común, iso xa non é comer a Cea do Señor. O poñervos a comer, cada un agárrase á súa propia comida e uns pasan fame mentres os outros se emborrachan. Seica non tedes casas para comer e para beber? Ou é que queredes desprezar a Igrexa de Deus e avergonzar ós que non teñen? Que vos vou dicir? Vouvos felicitar? ‑Non, nisto non vos felicito.

Porque eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".

Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.


Salmo:

Sal 8: Deus, que se lembra de nós, pídenos que nos lembremos de toda a creación e que a coidemos.


Señor, noso Señor,

que grande é o teu nome en toda a terra!

A túa maxestade érguese por enriba do ceo.


Na boca de nenos de peito fundas a túa fortaleza

contra os teus adversarios,

para faceres calar a inimigos e rebeldes.


Cando vexo o ceo, feitura da túa man,

a lúa e as estrelas que fixaches alí,

que é o home, para que o lembres,

o fillo do home, para que del te ocupes?


Por pouco non o fixeches coma os anxos,

coroáchelo de honor e dignidade;

décheslle mando sobre as obras das túas mans,

puxéchelo todo ós seus pés:

rabaños de ovellas e touros,

e mesmo as bestas do monte,

os paxaros do ceo e os peixes do mar,

que fan carreiros polas augas.


Señor, noso Señor,

que grande é o teu nome en toda a terra!



Evanxeo: 

Lc 13, 6-9: Deus coidando a súa figueira, que somos nós, invítanos a coidar a nosa vida na aldea.


Entón Xesús, púxolles esta parábola:

‑Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ó viñador: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?" El respondeulle:

"Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".



Preces

Agora presentámoslle a Deus Pai os nosos desexos de ben pola xente que máis precise de máis apoio, por nós mesmos, polas necesidades que se dan nas nosas aldeas. Contestamos dicindo:

FAINOS FORTES PARA OS COIDADOS, DEUS QUERIDO

 Pola xente maior e soa que hai nas nosas aldeas, que nunca lles falte a nosa atención e coidados. Oremos.

 Polas persoas que entre nós son menos hábiles para a vida por calquera razón; que os saibamos acompañar e animar sempre. Oremos.

 Para que coidemos a nosa fe cristiá, coñecendo mellor a Xesús Cristo, participando nas celebracións, traballando máis polo común da parroquia. Oremos.

 Para que non nos resignemos a que as nosas aldeas vaian desaparecendo; que unamos ideas e esforzos e que saibamos esixir a quen goberna que se coide mellor a vida das aldeas, para facer apetecible vivir nelas. Oremos.






No hay comentarios:

Publicar un comentario