sábado, 21 de marzo de 2020

SAN CIDRE 2020. AIRE, AUGA E TERRA LIMPAS


            Por se as cousas poden ir adiante, oxalá así sexa,              enviamos o plan de celebración do San Cidre
na parroquia de Xil, concello de Meaño, Pontevedra.


            O pasado 8 de febreiro, en xunta habida en Santiago, concretamos como celebrar o noso San Cidre este ano. Será o 16 de maio, sábado, en Xil, co lema “Aire, auga e terra limpas”.



Desenvolvemento:
            
Como sempre, chegada e acollida a partir das 11 da mañá.

            Ás 12 empezaría a celebración. Preséntase o día, a celebración, o lema, ensáianse os cantos: himno de san Cidre e cantiga do lema, e outras. Anímase a participar e vivir ben a celebración.
            Para a celebración de cada zona levaríase un recipiente con aire, outro con auga e outro con terra. As persoas que o leven colocaríanse na primeira liña dos bancos ou cadeiras. Ao se ir nomeando os grupos, esas persoas do grupo presentarían as tres cousas; saen ao centro e colocan os seus recipientes ao redor do altar, nun sitio apropiado. Non din nada, algunha breve contestación a algunha pregunta que lles faga quen leve a celebración. As augas xúntanse nun recipiente maior que estará alí; igualmente as terras; os aires quedan pechado e ábrense cando se vaia facer referencia ao seu significado. Bombas ecolóxicas, himno do san Cidre, como noutras ocasións.
            Ao longo da celebración, en tres momentos distintos, resaltaremos o signo do aire, da auga e da terra, por esta orde.
            Xente do lugar presentarannos a súa zona.

Acollida do sacerdote:
            Acóllenos no nome de Xesús, que quere pasar ese día connosco. Invítanos a acoller o perdón de Deus.

O grupo de Abadín prepara este momento.

1ª lectura:
         Da carta encíclica “Laudato Si” do papa Francisco (nn13-14)

         Benqueridos irmáns e irmás: O desafío urxente de protexer a nosa casa común inclúe a preocupación de xuntar a toda a familia humana na busca dun desenvolvemento sostible e integral, pois sabemos que as cousas poden cambiar. O Creador non nos abandona, nunca deu marcha atrás no seu proxecto de amor, non se arrepinte de nos ter creado. A humanidade aínda posúe a capacidade de colaborar para construír a nosa casa común. Desexo recoñecer, alentar e dar grazas a todas as persoas que, nos máis variados sectores da actividade humana, están traballando para garantir a protección da casa que compartimos. Merecen unha gratitude especial as persoas que loitan con vigor para resolver as consecuencias dramáticas da degradación ambiental nas vidas da xente máis empobrecida do mundo. A mocidade reclámanos un cambio. Eles pregúntanse como é posible que se pretenda construír un futuro mellor sen pensar na crise do ambiente e nos sufrimentos das persoas excluídas, marxinadas.
         Fago unha invitación urxente a un novo diálogo sobre o modo como estamos construíndo o futuro do planeta. O movemento ecolóxico mundial xa ten recorrido un longo e rico camiño, e deu pé a numerosas agrupacións cidadáns que axudaron a tomar conciencia. Lamentablemente moitos esforzos para buscar solucións concretas á crise ambiental vense frustrados con frecuencia non soamente polo rexeite dos poderosos, senón tamén pola falla de interese dos demais. Necesitamos unha solidariedade universal nova.

PALABRA DO NOSO PAPA FRANCISCO.


SALMO



OU TAMÉN:
Podemos cantar a cantiga do lema:

AIRE, AUGA E TERRA LIMPAS,
AIRE, AUGA E TERRA LIMPAS
A RIQUEZA DE GALICIA (2).

PLANTAS, XENTE E ANIMAIS,
PLANTAS, XENTE E ANIMAIS,
TODOS UNHA GRAN FAMILIA (2).

VIVA A GRAN CASA COMÚN,
VIVA A GRAN CASA COMÚN,
FOGAR DE GRAZA INFINITA (2)

E COIDAR DA NATUREZA
E COIDAR DA NATUREZA
NO NOME DO DEUS DA  VIDA (2).

NOSA SEÑORA DA GUÍA,
NOSA SEÑORA DA GUÍA,
GUÍA A XENTE DO MARE (2)

EVANXEO: Xn 4, 4-15

         Antes de ler o Evanxeo, realizamos o signo do aire. María Luísa e outra persoa que ela busque achéganse ao lugar desde onde se vai ler o Evanxeo. A outra persoa sostén nas mans o recipiente co aire, e María Luísa le o seguinte texto:

                Velaquí o aire de diferentes lugares de Galicia. Que gusto dá respirar o aire limpo, fresco, san! Como o agradecemos nós e tamén os animais, as plantas, toda a natureza! O aire é gratis. O aire é de todo o mundo, é universal. O aire é vida. Invade todo o noso corpo e permítenos vivir. Respiramos e vivimos.
        O Espírito de Deus é coma o aire. Penetra nos nosos corazóns e dános vida; a  vida de Deus que ensancha a nosa paz, os nosos amores, as nosas enerxías, a nosa vontade de defender sempre a natureza e a todos os seres que a habitan, sen que ninguén quede excluído.
        O Espírito de Deus tamén é gratuíto. Regálasenos, entre outras cousas, na palabra de Deus que escoitamos en moitos momentos, e especialmente nas lecturas santas que lemos nas nosas celebracións.
        Abrimos a boca, o corazón para enchernos  do aire limpo, do Espírito de Deus.

         Ao acabar, pousan alí o recipiente e retíranse.

BREVE HOMILÍA DO SACERDOTE.

CREDO

         Antes de recitar o credo realizamos o signo da auga. Achéganse Mercedes de Galegos e outra persoa que ela busque. Esta recolle o recipiente coa auga e Mercedes le o texto, alí no medio, diante do altar.

        Velaquí as augas, amiguiñas. Augas de Abadín, de Galegos, de Bazar, de Xil, de… Augas que fan dos nosos corpos unha cousa preciosa e das nosas terras unha fonte de bens e de froitos. Sen augas boas, sen augas sas, non seremos nunca nada.
        A auga dános vida. A auga debera ser universal e gratuíta. A auga é simple, humilde, transparente. A auga é coma un reflexo de Deus e da vida que El nos ofrece gratis.
        Coa auga fomos bautizadas, para nacermos a unha nova vida. Esa nova vida que queda recollida neste Credo que xuntos todos, todas imos proclamar con alegría e agradecemento.



E xuntos/as recitamos este Credo

Creo en Deus, Señor e dador da vida,
que rebole no aire, nas augas, na terra.

Creo en Deus, que todo o fixo para todas e todos,
sen que ninguén quede excluído dos  bens do corpo e do espírito.

Creo Xesús, o Cristo, home de aldea coma nós,
que gozou traballando a terra, aprendendo e vivindo dela.

Creo en Xesús, o Cristo, cheo do alento de Deus,
fonte de auga limpa que produce froitos de vida.

Creo en Xesús, o Cristo, terra nova de Deus,
onde nace e medra a irmandade total

Creo no Espírito, que rebole no aire, nas augas, na terra,
e todo o enche de alento, de festa e de frescura.

Creo no amor exercido en fogar comunitario,
que alonga eternamente en Deus a nosa existencia.

Preces:
         Pasamos agora ás Preces, que prepara e presenta o grupo de Galegos.

Ofertorio:
         Presentamos o signo da terra. Marga, de Xil, con outra persoa que ela busque, achéganse. A outra persoa colle o recipiente das terras nas mans, e mentres Marta le o texto. Ao acabar pousan as terras diante do altar.

        Mirade para a terra, amigas e amigos. Coñecémola ben. As nosas mans curtíronse a golpe de terra. As nosas vidas saben a terra. Nós somos pais e nais, fillos e fillas, irmáns e irmás da terra.
        E non nos avergonzamos diso. Ao contrario, coa terra nas mans, grazas a ela e ao noso rudo e sabio traballo, fomos capaces de abastecer as aldeas, vilas e cidades de saudables froitos cos que matar a fame e a sede, encher mesas e vivir longas horas de amizade e de festa.
        Ofrecémoslle a Deus esta nosa e súa terra, e con ela os froitos todos que producen. E con eles o desexo de que ninguén no mundo pase fame ou sede porque outros queiran facerse donos de todo.
        Para ti, Deus noso, a nosa terra e nós con ela.

PREFACIO
--Que o Señor sexa convosco.
--E contigo tamén.
--Levantemos os corazóns.
--Témolos postos no Señor.
--Deámoslle grazas ao Señor, noso Deus.
--É digno e de xustiza.

        Verdadeiramente é cousa de xustiza que che deamos grazas, Deus noso, porque ti es a fonte do ben e da vida.
        Todo canto hai existe porque ti o creaches. Estaban as augas, estaban os ventos, estabas ti, Deus noso, poñendo orde, concerto, fermosura.
        Das túas mans creadoras foi saíndo, dunha maneira natural, o universo enteiro e dentro del a terra. E coa terra, as augas salgadas e doces, e nas augas toda clase de peixes, e na terra toda clase de animais domésticos ou salvaxes, correndo ou arrastrándose pola terra, voando polos aires.
        E tamén as herbas, plantas e árbores co máis variado aspecto, que cos seus froitos satisfacían as necesidades dos seres humanos.
        E houbo día e houbo noite; e apareceu o sol, a lúa, as estrelas para alumar os días e as noites.
        E do máis limpo da túa forza creadora xurdimos nós, as mulleres e os homes, de diferentes razas e cores; feitos á túa imaxe e semellanza; invitadas por ti a formar parte coma fillos e fillas do teu fogar familiar, a participar en liberdade na túa tarefa creadora, a coidar con respecto da terra e dos animais, a mirar pola casa común que nos deras.
        Que grande e marabilloso es, Deus noso! Como che estamos de agradecidas! Creáchesnos e acompañáchesnos sempre co teu espírito de vida, e andando o tempo, mesmo te quixeches facer algo así coma  un de nós na persoa de Xesús de Nazaré, para que puidésemos atinar coa maneira xusta de vivir alegremente coma irmáns.
        Por todo isto, Deus noso, queremos  cantarche unha fermosa cantiga de agradecemento, facéndonos eco das loanzas de todo canto ti creaches con tanta fermosura.

        SANTO
           

            E todo o demais seguindo o normal. Ao final, despois da comuñón, e antes da bendición e remate da Misa, entrégase unha cartolina, na que van escritas algunhas actuacións sinxelas coas que traballar pola casa común. Pódese volver a cantar o canto do lema.


Para o xantar
         Haberá mesas e bancos. Haberá servizo de comida, por 16 euros: empanada, lacón con patacas e chourizo, bebida, sobremesa, café.
         Por diferentes razóns é obrigado avisar con tempo das persoas que an vir, sobre todo se pensan comer deste menú que hai que pagar.

CÓMO CHEGAR
Isto nos transmitiu Manolo:

         Pola AP9 chegamos a Curro.
         En Curro collemos a autovía AG 41 (Salnés), dirección Sanxenso-Grove.
         Despois de pasar a gasolineira de S. Martiño, a 2 kms. sáese por vía rápida 42 dirección Cambados.
         A 1km. e pico chegamos a unha rotonda; aquí collemos á esquerda dirección Sisán e Padrenda e desde alí hai indicadores para chegar ao lugar.

Para visitar á tarde
Nos arredores: 
o Grove, A Toxa, Armenteira, Combarro, Cambados, Arousa…




No hay comentarios:

Publicar un comentario