SEMENTANDO ESPERANZAS
Agradecementos
Foron
moitas as persoas que permitiron que puidésemos celebrar o San Cidre co día do
Mundo Rural no monte da Escrita. Un equipo interparroquial, multiplicando
esforzos, ben coordinado polo seu cura Xavier, posibilitou as cousas. A
Corporación Municipal de Castro de Rei foi xenerosa, e a empresa Leitigal
ofrecendo o queixo da acollida, e as persoas que coceron na casa expresamente para
ofertarnos o pan da acollida. Todo o noso agradecemento, de corazón.
Logo
estivemos todas as persoas que dun lugar e doutro de Galicia quixemos achegarnos, porque cremos
no rural e no alento que Xesús de Nazaré nos pode dar para traballar por un rural
máis vivo. E en cada grupo as persoas que o compoñen e as tarefas concretas que
traen entre mans, e as referencias a outras persoas e grupos que nos seus
medios están abrindo camiños de vida na rural: desde o pequeno produtor de
queixo, ata as persoas que fan da música un espazo de lecer e un compromiso co
rural. Alí estiveron ofertando a vida que levaban dentro de si. En número
pasamos das 300 persoas. Canto agradecemento lles é debido!
Tamén
o señor Bispo de Mondoñedo-Ferrol quixo estar presente, vinculándose a este
empeño común de valorar e potenciar a vida e a fe que hai no rural. Moito llo
agradecemos. Non nos gusta o señorío, pero si a vontade de servizo de quen
facéndose un de tantos, quere estar ao lado do que o pobo vive, sente e
celebra. Grazas a el, logo, e tamén a outros cregos como Uxío García Amor, que,
a pesar do seu corpo nonaxenario, non quixo faltar a esta cita.
Grazas
ao grupo “Os Baluros”, que animou o ambiente en diferentes momentos cunha
música popular viva, como tamén o fixo, aínda que fose con outros ritmos, o
grupo de A Coruña, que baixo a dirección de Luís Rodríguez Presedo, quixo
transmitirnos ledicia e folgos para o que temos por diante.
Méritos
e carencias
Foi
unha xornada digna de ser recordada polo que nos aportou: coñecer e tratar
xente, ver que aquí e acolá hai empeños comúns a favor do rural, descubrir
actividades concretas que están abrindo camiño, comprobar que a fe nos sostén e
alenta, descubrirnos como xente alegre que gusta de celebrar, ver que hai
cousas que nos dan esperanza, que sementan esperanza, que nos permiten soñar
nun rural vivo, aínda que seguramente distinto do que coñecemos ata agora. Un
rural distinto, e unhas comunidades cristiás tamén distintas.
Houbo
cousas que non nos saíron nada ben. Igual nos alongamos moito tanto na
presentación dos grupos coma na mesma Eucaristía. Todo xunto chegou a dúas
horas! Non é doado manter a atención tanto tempo, aínda que tamén é certo que a
hora das presentacións foi variada, distendida, amena. Pedimos perdón os responsables
desta falla de control do tempo.
E
non nos saíu tampouco nada ben a organización da distribución das mesas para o
xantar. Houbo desorde pola mesma escaseza do espazo, por falla dun sistema máis
organizado, pola precipitación dalgúns que igual miraban só por si mesmos; o
caso é que houbo xente que nin tivo un mesado no que poñer a comida e tivo que
comer de pé, como lles pasou aos da Coruña, e o mesmo Sr. Bispo careceu dun
mínimo de comodidade para poder comer a gusto connosco. Cousas que de ningún modo
nos podemos permitir nunca máis. Perdón tamén por parte de quen provocamos todo
isto.
Ollando
cara adiante
O
grupo “Cremos no Rural” levamos moitos anos celebrando así o San Cidre en
diferentes lugares de Galicia. E seguirémolo facendo. Pero tamén queremos que
na diocese de Mondoñedo-Ferrol celebremos dun xeito algo especial o día de San
Cidre, día do Mundo Rural, cada ano nun arciprestado ou Unidade Pastoral
diferente, intentando que nos vaiamos coñecendo e tratando a xente do rural da
diocese, e que participemos todas e todos neste intento común de manter a vida
nas parroquias e nas comunidades cristiás que nelas hai. As aldeas cambiaron e
cambiarán moito, pero sempre haberá espazo para a vida, no noso propio nome e
no nome do Deus que nos alenta.
Tamén
nos gustaría que a cousa non quedase nun encontro anual como o que este ano
fixemos ou semellante. Temos a ilusión de que estes encontros anuais vaian
acompañados por unha vida de grupos rurais parroquiais ou interparroquiais, que
se ilusionen recibindo e compartindo os bens da aldea, entre os que está a
admiración por Xesús de Nazaré, home de aldea coma nós. Ao seu lado, contando
con el, é moito o que podemos vivir e axudar a vivir.
Manuel Regal Ledo
No hay comentarios:
Publicar un comentario