jueves, 24 de mayo de 2018

CELEBRACIÓN DE SANCIDRE 2018 - FORNELOS DE MONTES

CARTA A FORNELOS
CREMOS NO RURAL, 21 de maio do 2018


Benqueridas amigas e amigos, e tamén irmás e irmáns na fe, das parroquias da Unidade Pastoral dos Cotos en Fornelos de Montes, cos vosos curas Gonzalo e Andrés:

Hai pouco máis dunha semana que estivemos convosco celebrando o San Cidre, patrón de toda a xente do campo. Foi para nós un día espléndido, alegre, cheo de vida, motivador. De corazón desexamos que para todas e todos vós fose tamén un día de gozo e de alento, aínda que ben sabemos que tamén o foi de duro traballo para que todo estivese ben preparado e a punto.
Precisamente queremos antes de nada agradecervos as cousas boas que, grazas ao voso traballo, puidemos gozar, e que nos axudaron a encher o día de ben.


Gustounos moito que xa á chegada houbese algúns veciños orientándonos para a recta colocación dos autobuses. Cousa simple, pero sempre necesaria para empezar ben a xornada. (Estarían tamén aló onde despois fomos xantar, para que as cousas fosen ordenadas e sen incidentes.) E logo, deseguida, aquela acollida tan ben abastecida de chocolate, café con leite, doces …, e os vosos rostros alegres, pacientes e acolledores con todos nós.
Gustounos moito e mesmo nos impresionou a organización do polideportivo para que todo o mundo estivese cómodo, puidese ver e oír ben, para participar na celebración da Eucaristía. Pareceunos moi fermosa a procesión de entrada, cos símbolos da forza da terra e da forza de Deus. Gustounos o canto, animado por Gonzalo, pero ben acompañado polo grupo musical e polas voces de toda a xente, no que fomos podendo e sabendo. A Misa foi algo longa, porque tratábase dunha celebración moi especial, e non nos resultou nada aburrida, xa que nela puidemos estar, falar, expresarnos, acoller, facer unión entre nós e co noso Señor. Mandámosvos un par de fotos que fixemos durante a celebración para que as teñades de recordo.


E logo gustounos e agradecémosvos moito o que tivestes que traballar algúns para ter a punto o lugar de xantar. Estabamos un chisco apertados, pero case se trataba diso, de sentirnos preto uns dos outros, sentindo o corpo, a palabra da xente; ulindo as súas comidas e, se cadraba, alongando a man para dar ou recibir algún bocado, algún doce, algunha bebida. Foi algo fermosamente popular, enxebre.
E que ben tocaban os gaiteiros, que supoñemos que era xente veciña vosa ou da vosa contorna. O escaso espazo non nos permitiu bailar, como sempre nos gusta facer, pero se non bailaba o corpo, bailaba o corazón. E tamén nos gustou moito e agradecémosllo moito aquel grupo da Coruña e arredores que nos animou coas súas cantigas despois da mesa da Misa e despois da mesa do banquete popular. Levaban o ánimo no corpo e nas voces e así o quixeron compartir connosco.
Gustáronnos os vosos curas, que vos animan na vida parroquial, pero tamén nos gustou ver que estades ben dispostos, homes e mulleres, para facer comunidade, e que estades dando pasos importantes que son envexa para moita xente. Por onde imos falamos de vós e das vosas iniciativas e todo o mundo medra en esperanza a conta vosa.


Houbéranos gustado andar algo os vosos montes, eses que lle dan nome ao voso pobo, e ver que estades preocupados polo aproveitamento dos vosos montes comunais; incluso soubemos que algunha comunidade polo menos ten o gando en común, compartindo gastos e beneficios. Desexamos que nin a moita auga nin os moitos lumes vos amarguen os días e freen a vosa ilusión. Tamén quedamos con ganas de ir a aquela feiriña que vimos que estaba andando na praza do pobo, pero para outro día será.
E que máis vos dicir? Que aquí estamos ao voso servizo esta xentiña de Cremos no Rural, que queremos ser felices vivindo a nosa vida e a nosa fe nas aldeas. Que nos gustaría vervos e compartir convosco máis veces. Que vos invitaremos para o San Cidre do ano que vén, por se vos apetece compartilo e celebralo connosco. E que queremos colaborar cos gastos que tivestes para poder ter todo tan a punto como o tiñades.
Unha morea de grazas, de bicos e de apertas. Estamos tamén ao voso dispor para o que ben queirades. Sempre amigas e amigos, sempre irmáns e irmás. Con todo o agarimo que Deus nos dá, e que nós queremos compartir con todas e todas vós.



No nome dos grupos de Cremos no Rural, Manolo Regal Ledo.  



No hay comentarios:

Publicar un comentario