domingo, 17 de septiembre de 2017

Quen somos?

Cremos no Rural

   Hoxe comezamos a compartir con todo o rural galego o noso traballo, as nosas esperanzas e as nosas preocupacións polo noso entorno. Falaremos de fe e de vida, compartiremos o noso tempo e o pan e o viño non faltarán no camiño... 
   Invitamos a tod@s @s galeg@s a coñecernos e a compartir con nós, estas letras vos explican quen somos, de onde vimos e hacia onde imos... 

Celebramos en Santiago o Encontro de Solidariedade Rural, organizado conxuntamente polas Comunidades de Relixiosas no rural e máis polo Movemento Rural Cristián de Galicia.

.
Fixeramos unha primeira e longa enquisa sobre a realidade da vida cristiá no mundo rural, que fomos traballando por grupos. Nun encontro en Galegos, fíxose unha presentación dos resultados.

Tivemos o Cursiño de Verán en Sarria. Alí acordamos unirnos no grupo de Cremos no Rural as Comunidades Relixiosa do rural e os grupos do Movemento Rural para iniciar xuntos un camiño evanxelizador no rural.



En Sobrado, xa unidos en Cremos no Rural, presentamos dúas formas de traballo: unha, creando grupos xa ao estilo do que poderían ser grupos do Movemento Rural ou similares, e outra, orientada máis cara o desenvolvemento de encontros de persoas interesadas por vivir e compartir o Evanxeo no mundo rural, pero sen tanta organización grupal. Ofreceuse un tríptico para invitar ao primeiro e un díptico para invitar ao segundo. Estas dúas formas de traballo non teñen por que excluírse, poderían ser complementarias.

Escollemos un método de traballo: cada ano abordaríamos un tema cos tres momentos do Ver, Xulgar e Actuar; cada trimestre traballaríamos e presentaríamos os resultados dese traballo nos respectivos encontros trimestrais; un método a longo prazo, que pode ser lento, pero que quere asegurar a efectividade, na medida das nosas forzas, en vistas a facer presente e viva a Boa Nova de Xesús no medio rural.
Sinalamos tamén no encontro de marzo os temas que nos parecían máis importantes para ir empezando o traballo: 
1) A qué tipo de comunidades cristiás no rural nos gustaría chegar, 
2) acompañamento das diferentes soidades que se dan no mundo rural, e 
3) coidar a unión a todos os xeitos entre fe e vida, vida e fe. 


Celebramos en Santiago o Cursiño de Verán
Neste Cursiño presentouse formalmente o dobre sistema de traballo do que falabamos máis arriba. 
Por unha banda presentáronse 12 fichas de iniciación a grupos que se poderían chamar de Cremos no Rural. 
Son 12 invitacións a participar nos diferentes aspectos que se traballan e viven nun grupo.
Pola outra, presentouse minuciosamente o traballo máis xeral, máis amplo, coa metodoloxía do VER, XULGAR, ACTUAR. Ofreceuse para iso unha enquisa coa que desenvolver o primeiro paso, do VER, 
do tema titulado “A que tipo de comunidades cristiás no rural nos gustaría chegar?”. 
A enquisa abordaba catro campos: 
1) O coidado da fe, 
2) A celebración da fe, 
3) Vivir no amor e no servizo, e 
4) A organización da comunidade.

Nos dous meses seguintes traballaríase iso nos diferentes grupos xa feitos ou que se formasen para ese traballo concreto. Ofreceuse tamén un posible esquema de oración para cada un dos grupos que se fixese para desenvolver ese traballo.

No encontro dos grupos, presentamos o traballo que fixeramos sobre o VER. Do traballado por cada grupo fíxose unha síntese breve cos puntos máis comúns, sobre a que poder facer o seguinte traballo de XULGAR, ou de valoración. Para o traballo desta segunda fase ofreceuse un posible guión de traballo nos grupos que incluía os posibles pasos a ir dando, textos bíblicos que axudasen a valorar cristianamente o que pasa, e algúns materiais máis para a oración. Guías para catro grupos, cada un deles destinado a traballar un dos catro campos nos que se dividía o tema de “A que comunidade cristiá no rural nos gustaría chegar?


Na xuntanza habida en Santiago, presentamos o resultado do traballo sobre o XULGAR. Resumiuse tamén o falado nunhas propostas nas que máis coincidiamos todos, para a partir de aí, dar o seguinte paso de ACTUAR. Ofrecéronse tamén unhas guías para axudar a facer o traballo da fase do ACTUAR, que se dividía en tres reunións de grupo: 
1) Que características nos gustaría que tivese a nosa comunidade cristiá da parroquia, 
2) Que pasos habería que dar para ir chegando á comunidade cristiá da parroquia que nos gusta, e 
3) Pasos que habería que dar para chegar a esa comunidade cristiá da parroquia que nos gusta, cales podemos ir dando nós?

En Santiago puxemos en común o traballado no grupos sobre esta parte do ACTUAR sobre o tema que traíamos entre mans: A que comunidade cristiá no rural nos gustaría chegar. Aquí, claro, xa se diversificou o traballo. Uns grupos fixeron máis e outros menos. Uns grupos vían máis urxentes ou posibles unhas cousas, e outros, outras. 

De novo en Santiago, tivemos o encontro de verán. 
Os grupos revisamos este noso traballo do curso pasado con estas tres preguntas:
a) De que estamos satisfeitos polo traballo feito?
b) Con que dificultades, atrancos, desafíos nos atopamos?
c) Por que razón andamos no que andamos? Cal é o alento que nos move?
Cómpre ter presente, por exemplo, que con este traballo pretendiamos abrir 
os grupos do Movemento Rural a máis xente. Conseguímolo de feito?
Temos sempre por criterio de traballo, de vida, unir fe e vida, 
este traballo feito acercounos ou apartounos diso?


Resultado de todo este traballo, comeza a andaina deste blogue... e todo o que veña detrás. Iremos recollendo e compartindo o traballo de todos e esperamos que máis xente das parroquias de Galicia se animen a unirse a nós.


Unha aperta e boa andaina...



No hay comentarios:

Publicar un comentario