Cremos no Rural
Hoxe comezamos a compartir con todo o rural galego o noso traballo, as nosas esperanzas e as nosas preocupacións polo noso entorno. Falaremos de fe e de vida, compartiremos o noso tempo e o pan e o viño non faltarán no camiño...
Invitamos a tod@s @s galeg@s a coñecernos e a compartir con nós, estas letras vos explican quen somos, de onde vimos e hacia onde imos...

Fixeramos unha primeira e longa enquisa sobre a realidade da vida cristiá no mundo rural, que fomos traballando por grupos. Nun encontro en Galegos, fíxose unha presentación dos resultados.

En Sobrado, xa unidos en Cremos no Rural, presentamos dúas formas de traballo: unha, creando grupos xa ao estilo do que poderían ser grupos do Movemento Rural ou similares, e outra, orientada máis cara o desenvolvemento de encontros de persoas interesadas por vivir e compartir o Evanxeo no mundo rural, pero sen tanta organización grupal. Ofreceuse un tríptico para invitar ao primeiro e un díptico para invitar ao segundo. Estas dúas formas de traballo non teñen por que excluírse, poderían ser complementarias.

Sinalamos tamén no encontro de marzo os temas que nos parecían máis importantes para ir empezando o traballo:
1) A qué tipo de comunidades cristiás no rural nos gustaría chegar,
2) acompañamento das diferentes soidades que se dan no mundo rural, e
3) coidar a unión a todos os xeitos entre fe e vida, vida e fe.
Celebramos en Santiago o Cursiño de Verán.
Neste Cursiño presentouse formalmente o dobre sistema de traballo do que falabamos máis arriba.
Por unha banda presentáronse 12 fichas de iniciación a grupos que se poderían chamar de Cremos no Rural.
Son 12 invitacións a participar nos diferentes aspectos que se traballan e viven nun grupo.
Pola outra, presentouse minuciosamente o traballo máis xeral, máis amplo, coa metodoloxía do VER, XULGAR, ACTUAR. Ofreceuse para iso unha enquisa coa que desenvolver o primeiro paso, do VER,
do tema titulado “A que tipo de comunidades cristiás no rural nos gustaría chegar?”.
A enquisa abordaba catro campos:
1) O coidado da fe,
2) A celebración da fe,
3) Vivir no amor e no servizo, e
4) A organización da comunidade.
Nos dous meses seguintes traballaríase iso nos diferentes grupos xa feitos ou que se formasen para ese traballo concreto. Ofreceuse tamén un posible esquema de oración para cada un dos grupos que se fixese para desenvolver ese traballo.

Na xuntanza habida en Santiago, presentamos o resultado do traballo sobre o XULGAR. Resumiuse tamén o falado nunhas propostas nas que máis coincidiamos todos, para a partir de aí, dar o seguinte paso de ACTUAR. Ofrecéronse tamén unhas guías para axudar a facer o traballo da fase do ACTUAR, que se dividía en tres reunións de grupo:
1) Que características nos gustaría que tivese a nosa comunidade cristiá da parroquia,
2) Que pasos habería que dar para ir chegando á comunidade cristiá da parroquia que nos gusta, e
3) Pasos que habería que dar para chegar a esa comunidade cristiá da parroquia que nos gusta, cales podemos ir dando nós?

De novo en Santiago, tivemos o encontro de verán.
Os grupos revisamos este noso traballo do curso pasado con estas tres preguntas:
a) De que estamos satisfeitos polo traballo feito?
b) Con que dificultades, atrancos, desafíos nos atopamos?
c) Por que razón andamos no que andamos? Cal é o alento que nos move?
Cómpre ter presente, por exemplo, que con este traballo pretendiamos abrir
os grupos do Movemento Rural a máis xente. Conseguímolo de feito?
Temos sempre por criterio de traballo, de vida, unir fe e vida,
este traballo feito acercounos ou apartounos diso?
Resultado de todo este traballo, comeza a andaina deste blogue... e todo o que veña detrás. Iremos recollendo e compartindo o traballo de todos e esperamos que máis xente das parroquias de Galicia se animen a unirse a nós.
Unha aperta e boa andaina...