BENDITO, MEU DEUS, BENDITO!
Bendito, sexan os froitos
que produce a nosa terra,
bendita a xente que labra,
sementa, coida e colleita.
Bendita a xente que vela
e defende a natureza
dos intereses malvados
de quen a explota e violenta.
Benditos no mundo enteiro
os labregos e labregas
que defenden o seu pan
de quen con trampas llo nega.
Bendita sexa Galicia
coas súas chairas e serras,
cos mil ríos que a cruzan
fecundándoa sen tregua.
E por crear tanto ben,
noso Deus, bendito sexas;
nas nosas mans pos o mundo,
que as nosas mans o defendan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario