viernes, 5 de octubre de 2018

PLAN DE TRABALLO PARA O CURSO 2018-2019 (IV)


4º encontro (finais de xaneiro ou primeiros de febreiro)

  • Empezamos o encontro, coma sempre, falando de cómo nos foi a vida desde a última xuntanza. Falando tamén de cousas importantes que sucedesen.
  • Comentamos a última xuntanza coa cea de Nadal: o que nos gustou, o positivo en nós e na xente que veu; o que podiamos mellorar, o que non saíu ben. Falamos de todo isto con mentalidade positiva, valorando o que fixemos.
  • Comentamos, logo, como nos foi na  visita que fixemos a esa experiencia alternativa no rural. Situámola no noso mapa, comentamos as características que ten, os que a levan, como empezaron e por que, a que se dedican, como o levan, grado de satisfacción, que é o que máis nos impresionou dese experiencia, que é o que máis frouxo nos pareceu etc. Todo isto recollémolo, porque de todo isto teremos que falar algo no encontro que teñamos en Santiago o 23 de febreiro.
  • Logo facemos entre todas e todos un salmo, unha cantiga, que recolla todas as cousas fermosas que vimos nesa visita. Ímolo compoñendo así: dicimos unha cousa bonita, que alguén escribe brevemente nun cartel que teñamos na parede, e contestamos xuntos: QUE BONITA É A VIDA, DEUS NOSO,
                                  QUE BONITA É A VIDA.
Por exemplo, unha persoa di: Que paixase máis fermosa era aquela, e todos contestamos co de arriba. Outra persoa di: Que casiña máis amañadiña tiñan, ou Que ben organizado tiñan todo, e así. Este salmo levámolo para a xuntanza de Santiago, para con invitar a que a xente lle cante a Deus.
Falamos da viaxe a Santiago, organizámola, preparamos algo o que alí hamos contar (o que fomos facendo desde que empezamos con isto ata o día de hoxe), alguén encárgase de facer copia do salmo ou cantiga que fixemos para repartila entre todos e cantala alí.
Fixamos unha data para a próxima xuntanza, a finais de marzo, despois da viaxe a Santiago e despedímonos.












PLAN DE TRABALLO PARA O CURSO 2018-2019 (III)


3º encontro (Polo Nadal, finais de ano, ou comezo do seguinte)

·         Se facemos coincidir a xuntanza coa celebración do Nadal, igual podemos invitar a esta celebración a outra xente da parroquia que nos parece oportuno. Se vén outra xente, daquela centraríamos a reunión na celebración do Nadal, e nun momento compartiríamos coa xente o que estamos facendo ao  redor do San Cidre.
·         Como podemos celebrar o Nadal? Pode ter dúas partes: unha parte de lembranza do nacemento de Xesús e do seu significado, e outra parte de cea-festa.

·         Primeira parte: lembranza do nacemento de Xesús: 
     
      (Facemos unha proposta de celebración, cada quen verá se quere facer todo o que aquí se propón, algo ou nada). É ben que haxa unha decoración apropiada, un pequeno portal, un pequeno Belén. Sentamos ao redor. Empezamos cantando unha panxoliña que coñezamos ben. 
       -- Logo podemos ir comentando entre todas e todos como recordamos que se celebraba o Nadal cando nós eramos xente miúda, sobre todo se hai xente moi maior no grupo; se cantaban algunha canción, que nola canten; se dicían algúns versos, que nolos recorden. 
         -- A continuación podemos ler o texto de Lucas que narra o nacemento: Lc 2, 1-20. Se queremos e podemos, sería fermoso facer unha pequeniña montaxe teatral, simplemente con que alguén faga de Xosé, de María, de Pastores, de Anxos, colocados oportunamente no lugar de reunión e lendo os textos que a cada quen lle corresponda segundo conta Lucas. 
         – Máis tarde comentamos brevemente que é o Nadal, e por que o celebramos tanto: aniversario do nacemento de Xesús; Xesús que naceu “coma un de tantos”, pero en quen nos cremos que se nos manifesta o rostro de Deus, Deus connosco polo tanto, Xesús que desde o primeiro momento está integrado no mundo da pobreza, da que nunca renegará, sempre actuará desde a fraxilidade viva e solidaria, non desde o poder etc., todo isto non en plan de prédica, senón suscitándoo entre a xente asistente. 
          – Cantamos outra panxoliña que saibamos e, a continuación, invitamos a toda a xente asistente a que presente algún galano ao neno, a Xosé e a María; o galano pode ser un desexo de ben, algún agradecemento, a promesa de facer algo a favor dalgunha xente empobrecida, etc; despois de dicilo, a persoa érguese e vai bicar o neno do portal. 
           – Tamén podemos recitar xuntos esta pregaria: cada un le unha estrofa e todas xuntas respondemos co retrouso QUE BO QUE VIÑESES, XESÚS.




            Que bo que viñeses, Xesús,
            co teu corpo miúdo
            feito un facho de luz.
            Que bo que viñeses, Xesús!

            Que bo que viñeses aquí,
            a estas terras de Abadín,
            camiñar ao noso lado,
            axudarnos a vivir.

            Que bo que viñeses, Xesús,
ensinarnos a coidar
@s pouc@s nen@s que temos,
@s vell@s que abondan máis.

Que bo que viñeses, Xesús,
pois queremos camiñar
moito e ben irmandad@s
en alegre socieda(de).

Que bo que viñeses, Xesús,
para poder aturar
algunhas enfermidades
que moitas dores nos dan.

Que bo que viñeses, Xesús,
darnos a túa alegría,
que ás veces custa vivir
coa mente sa e espelida.

Que bo que viñeses, Xesús,
aprender a perdoar
con paciencia e tolerancia,
cando nos fan algún mal.

Que bo que viñeses, Xesús,
a darnos forza e humor,
para defender o pan
que gañamos con suor.

Que bo que viñeses, Xesús,
enchernos de valentía,
para sacudir o pé
de quen abuso e nos tripa.

Que bo que viñeses, Xesús,
a falarnos de Deus Pai,
para que nunca o temamos,
pois fai por nós canto fai.

Que bo que viñeses, Xesús,
en formas pobres e humildes,
deixándonos ver ben claro
que a xente pobre prefires.

Que bo que viñeses, Xesús,
a facer comunidade,
con todos e todas nós:
cousa fermosa e ben grande.

Que bo que viñeses, Xesús,
grazas che damos por vir,
contigo estaremos sempre,
contigo habemos vivir.



 E podemos rematar xa esta parte cantando outra panxoliña que coñezamos ben.


2ª parte: información sobre o San Cidre
            
Consistiría en falar brevemente de cómo estamos preparando o San Cidre, falar do que queremos celebrar no San Cidre deste ano, explicar algo iso das experiencias novas alternativas no rural, para acabar anunciando a visita que imos facer a tal ou cal experiencia rural que acordarmos visitar. Pódese invitar a toda a xente asistente a ir.
            Para facer isto algo máis ameno, podemos repartir entre catro persoas esta información: 1) falar de que xa estamos preparando a celebración do San Cidre e a que imos dedicar esa celebración, 2) explicar brevisimamente que é iso das experiencias alternativa de xente nova no rural, 3) anunciar que imos visitar tal ou cal experiencia desas, e 4) invitar a toda a xente para esa visita que se fará tal día a tal hora.

            Se non se incorpora xente distinta a esta reunión, pódese igualmente ter  esta segunda parte para informar da visita, do día, da hora, e todos os detalles oportunos.


3ª parte: cea do Nadal: 

Co que entre todos trouxemos facemos a cea, alegre, compartida, festiva. Ao final, se nos parece ben, podemos pensar un pouco nalgunha xente máis ou menos veciña que estea pasando por algunha situación de debilidade. Podémonos comprometer a visitala e agasallala algo, ben en conxunto, ben algunhas persoas no nome do grupo, ben cada quen polo seu lado cando ben poida e queira. Sería pasar algo á vida, o misterio que celebramos: na persoa débil que visitemos está Xesús presente.
Sinalamos a data da próxima xuntanza, á que tamén se pode invitar ás outras persoas que estean de novo hoxe.
            Apertas, bicos, despedidas, parabéns e ímonos.

PLAN DE TRABALLO PARA O CURSO 2018-2019 (II)


2º encontro (dentro do mes de novembro)

·         Igual que na xuntanza anterior, empezamos falando algo de cómo nos foi na vida, falamos da vida da nosa parroquia, comentamos algunha cousa que, aínda sucedendo  máis lonxe, nos pareza importante para nós. Controlamos os tempos.

·         Pasamos a dar información sobre que presenza hai na nosa comarca de iniciativas de xente nova no rural que estean contribuíndo á súa revitalización. Valoramos con detemento esas experiencias: a que se dedican, que fan, como empezaron, cantas persoas ou familias son, que recursos puxeron a andar, que cousas nos chaman máis a atención, que cousas nos parecen máis positivas.

·         Nun mapa da comarca que teñamos feito, coa sinalización das parroquias correspondentes, podemos ir situando cada unha das experiencias coñecidas, e cunha palabra indicar a súa dedicación. Ese mapa pode quedar exposto no lugar de reunión, para ilo vendo e completando en novas xuntanzas.

·         No caso de que na nosa comarca non atopemos ningunha desas novas iniciativas, podemos comentar algunha que coñezamos dalgunha outra zona. Por exemplo, hai un libriño breve titulado “Revoltando á terra” de edicións Bolanda, que na súa segunda parte ofrece breve descrición de 10 proxectos do tipo que a nós neste caso nos interesan; son de diferentes lugares de Galicia; igual aí atopamos algún que nos cadre algo cerca para podelo visitar.

·         Podemos acordar a visita a unha desas experiencias novas que nos pareza especialmente interesante. Que alguén se encargue de contactar, de organizar logo ás persoas interesadas en ir. Pódese quedar en presentar o plan da visita xa organizada na próxima xuntanza.

·         Podemos ter tamén un momento de oración. Lemos unha das parábolas de Mateu no capítulo 13: a da sementador, a do gran de mostaza, a do xoio no medio do trigo, de doada aplicación ao que estamos facendo: experiencias humanas, pequenas, humildes, que medran, que poden ir medrando, dando vida ao rural. Tamén nesas cousas hai unha palabra de Deus para nós, que podemos acoller ou ignorar, ou afogar.  Axudamos a situar a parábola dentro do que estamos vivindo; provocamos para que a xente comparta algo do que sente ao respecto, e quedamos un chisco en silencio, acollendo o que cada quen dixo, e o que máis me chega ao corazón de todo o vivido neste encontro. Rematamos rezando xuntos o nosos Pai.

·         Sinalamos a data da próxima xuntanza, que será no mes de decembro. ¿Poderíamos aproveitar para celebrar xuntos/as a festa do Nadal, despois do Nadal, mesmo ata antes de Reis? Se acordamos celebrar algo o Nadal xuntas, é necesario acordar como o hamos celebrar, que partes vai ter a celebración, como as desenvolver, e tamén o que cada quen ha traer para a celebración, de comidas, bebidas, cantos, música…

·         E tomamos algo, comemos algo, para poñer fin ao encontro.





PLAN DE TRABALLO PARA O CURSO 2018-2019 (I)


Conforme acordamos no cursiño de verán celebrado en Santiago o 14 de setembro, centraríamos o traballo do ano ao redor da celebración do San Cidre, por ser este o feito que máis nos cohesiona e nos motiva. No cursiño propuxemos xa un tema a tratar nas posibles xuntanzas dos grupos de cada zona, que foi o de “xente nova que volve ao rural con propostas alternativas de vida na aldea”. Este tema sería o que celebraríamos no San Cidre; o lema concreto xa o decidiremos no seu momento. Acordamos tamén volver xuntarnos os representantes de cada grupo o 23 de febreiro e o 27 de abril. Entremedias iríamos facendo o traballo nos grupos. Encargouse a Manolo Regal que elaborase unha proposta de traballo nos grupos tendo en conta este plan. E iso é o que se ofrece a continuación.

Posible proposta de traballo para os grupos
  Cada grupo verá a frecuencia coa que ve oportuno reunirse. Parece que, por manter un pouco o fío  do grupo, non estaría ben que fose menos dunha vez ao mes.
  Para o primeiro encontro habería que facer unha convocatoria á xente que consideremos interesada no San Cidre, ben porque habitualmente estea indo a esta celebración, ben por calquera outra razón que pareza oportuna; a convocatoria faise co método que mellor se considere (boca a boca, teléfono, carta…), na que se indique que é unha xuntanza para falar xa do San Cidre, porque o queremos preparar e vivir ben. Cítase, lugar, día e hora. É ben traballar a asistencia de quen nos pareza poida estar máis interesado/a, para que este primeiro encontro dea xa algo de si.

1º encontro (dentro do mes de outubro)

·         É ben  empezar cun tempo distendido, pero ben útil, no que compartamos como nos foi no verán nas cousas da vida. Axuda a que a xente se solte e se integre. Con todo cómpre regular o tempo, para non deixar de facer o que queremos facer.
·         Proponse logo a finalidade desta xuntanza: empezar a preparar o San Cidre. Podemos falar do San Cidre pasado, sobre todo se no grupo non se ten falado de cómo foi: cousas que gustaron, cousas que non, cousas a mellorar. Se na nosa zona ninguén foi aínda, ou no grupo non hai ninguén que fose, explicar brevemente de que vai esa celebración do Mundo Rural que chamamos San Cidre, co nome do patrón da xente da aldea.
·         Dicimos o tema que queremos traballar este ano: “xente nova que volve ou se queda no rural con propostas alternativas de vida”. Explícase que quere dicir isto: xente nova, pero tamén a pode haber non tan nova; xente que volve ou se quedou no campo; xente que non segue a corrente normal de granxas máis ou menos grandes de leite ou de carne (sen querer desprezalas para nada); xente que ten propostas alternativas de vida no rural, é dicir, propostas que se saen algo do común, na produción á que se dedican, na busca de dedicacións distintas á de produción (turismo rural, rural escolar…), ou que combinan unhas  cousas coas outras; xente con estilos de vida algo fóra do común, que volven ao campo desde a vila ou da cidade, incluso despois de pasar por boas profesións laborais…
·         Igual coñecemos algunha destas realidades que haxa no noso entorno. Falamos algo delas.
·         Comentamos que nos parece un feito importante ao que lle queremos dedicar tempo no San Cidre, e no tempo de preparación que xa agora comeza. Escoitamos o que a xente comente. Recalcamos que ese feito é un importante sinal de vida para o campo, e que por iso mesmo tamén merece a pena coñecelo, agradecelo e, no seu momento, celebralo como xente de aldea e tamén coma  persoas cristiás: Deus está sempre na vida e en todo o que a promove.
·         Aquí podemos ler algunha pasaxe dos evanxeos, por exemplo: Mc 6, 30-37a., para recoller o momento de encontro de Xesús co seu grupo, pois algo diso estamos facendo nós no grupo. Tamén podería lerse todo o relato que acaba coa multiplicación dos pans. En todo caso, lese, coméntase un pouco aplicándoo ao que nós agora mesmo estamos facendo no grupo, recalcamos ese coidado de Xesús coa xente, acollendo, falando, preocupándose pola súa mantenza. É a ansia de Deus por nós hoxe, pola xente da aldea; por iso goza tanto vendo esas realidades novas que aparecen no campo.
·         Podemos asumir o compromiso, de aquí á próxima xuntanza, de saber de casos de xente nova que na nosa comarca ande envolta en propostas alternativas. Organizamos algo a maneira de obter esta información: indo ao Concello, indo ao local  máis próximo do Sindicato Labrego Galego ou de Unións Agrarias, a través dalgunha desas persoas novas que xa coñezamos, etc.
·         Marcamos a data da próxima xuntanza, no mes de novembro. E rematamos tomando algo xuntos/as, recordando o que tamén Xesús fixo coa xente que acompañaba.


martes, 2 de octubre de 2018

Escola de Espiritualidade 2018-2019




Déixovos a información e a ligazón ao blog, por se queredes participar, apuntade as datas...

 



 (Hai que matricularse antes do 15 de outubro)