miércoles, 19 de diciembre de 2018

FELIZ E XUSTO NADAL DESDE O MUNDO RURAL


Que os nosos rexos e ben enraizados carballos
nos leven a enraizarnos no Deus da vida
e a facernos nel persoas consistentes e ousadas.
       Coa fortaleza de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as abondosas augas das nosas fontes, regos, regatos, regueiros e ríos
nos conduzan ata o ollo de todas as fontes
para ir matando pacientemente as nosas infindas sedes.
       Coas augas de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as nosas terras produtoras de moitos, bos e variados froitos
nos animen para sermos persoas produtivas,
abundantes en toda clase de ben, de bondade e de xustiza.
       Co vigor de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.

Que o sol que cada día nos aluma, sen fallar á cita
nos invada coa súa luz clarificadora,
e alume os nosos pasos cara á inocencia máis fonda, humilde e liberadora.
       Coa luz de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.             
Que os ventos que nos envolven de forma incómoda ou agarimosa
nos afagan a deixarnos levar polo vento de todos os ventos,
polo materno espírito de Deus, que sopra onde, cando e como quere.
       Co alento de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as nebras e nubrados que tantas veces nos pechan os horizontes
nos axuden a ollar con respecto e admiración o misterio de Deus,
o misterio da vida, agochado en nós, nas entrañas de todo o creado.
        Coa ollada de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.

Que as nosas duras xeadas, neves e invernías
nos fagan sensibles ante a intemperie  de tantísima xente
impedida de vivir con dignidade, con teito, traballo e paz.
       Coa tenrura de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as nosas festas, magostos, romaxes e romarías
nos envolvan na ledicia popular da xente unida
e nos encamiñen cara a gran Romaxe da creación liberada.
       Coa ledicia de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que cada herba ou floriña, area ou aruxo, folla ou pinga
que constrúen as marabillosas paisaxes  que nos rodean
nos leven a descubrir o valor primeiro de todo o pobre, humilde e pequeno.
       Coa pobreza de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que os nenos e nenas, mozos e mozas, homes e mulleres
que enchemos e humanizamos esta preciosa paisaxe galega
descubramos e gocemos a graza de sermos irmás, irmáns.
       Coas apertas de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.