martes, 30 de abril de 2019

CELEBRACIÓN DO SAN CIDRE - Castro de Rei, Lugo, 18 de maio 2019.


FOTO TOMADA DE: http://www.alfayomega.es


11.00h. Chegada e acollida
   O lugar de celebración está presidido por unha pancarta co lema: SEMENTANDO ESPERANZAS.
   A acollida está atendida por xente do lugar, que nos obsequiará co que ben lle pareza. Se hai un grupiño de gaiteiros acompañándonos, mellor. E entramos para o lugar de celebración.
   E empézase a celebración. Entre ensaio e ensaio vaise anunciando que é esta festiña, que pretende, en que vai consistir, cal é o lema, que significa este lema

Acollida dos grupos
   Cantamos o himno do San Cidre. Vanse presentando os grupos; unha persoa de cada grupo presente algo (froito, planta, símbolo calquera), co que queiran facerse presentes nesta celebración. Con esa persoa entra outra persoa que presenta a iniciativa innovadora que se está a dar na súa zona; esta persoa le ou di o breve escrito que trae e máis, se é do caso, ofrece o produto correspondente. E así todos os grupos. Con fogos ecolóxicos.
   E, para pechar este momento, as xentes do lugar cóntannos como é esta zona, como andan, que sementes de esperanzas hai entre eles, a nivel de vida agraria e a nivel de comunidade cristiá. Tamén fogos ecolóxicos. Volvemos cantar o himno do San Cidre.

Segue a Eucaristía
            Saúdo e acollida do sacerdote.
             Momento penitencial. Prepara o grupo de A Dina-Portonovo.
            Lecturas da Palabra de Deus:
1ª lectura: Sant 5, 7-11: a paciencia ben entendida, a resistencia, dálle ás á esperanza cristiá. No rural estamos en tempos de aguante esperanzado. Le alguén de Castro de Rei.
Salmo: 8, co retrouso :
SEÑOR, DEUS NOSO, QUE ADMIRABLE É O TEU NOME EN TODA A TERRA.
            (María Luísa e alguén de Galegos len as estrofas do salmo.)

Evanxeo: Lc 13, 6-9: Parábola da figueira. Estamos en tempos ee coidar e abonar, coa esperanza de que cheguen os froitos na vida rural.

Preces: Prepáraas o grupo de Abadín.

Ofertorio:
            As persoas que trouxeron o símbolo de cada zona e as que representan a iniciativa achéganse, collen o que trouxeron e érgueno en sinal de ofrecemento.
            E segue a Eucaristía con normalidade.

Peche da Eucaristía e da celebración
            No momento final, despois da comuñón, uns nenos/nenas distribúen unha folla, na que se recollen os enderezos de cada unha das iniciativas presentadas. Esas iniciativas son tamén un pequeno sacramento da vida de Deus entre nós, que queremos xuntar co sacramento maior do Corpo de Cristo que acabamos de recibir. Estamos uns segundos en silencio.
            Dúas persoas de Castro de Rei val lendo o agradecemento e todos/as contestamos: GRAZAS POR TANTO BEN.

            Ao final, como remate da celebración, o grupo da Coruña interpreta unha canción que cantaron en Luar.



Hai cousas dignas de ver: 
As fontes do Miño (Fonmiñá), a igrexa monacal de Meira, o castro de Viladonga, muralla de Lugo…


NOTA: 
Para chegar a Castro de Rei, se vides pola estrada Ourense-Lugo,  tedes que coller a estrada Lugo-Ribadeo, que se pode coller nunha rotonda desde a A6; a uns 20kms atoparedes unha desviación á esquerda cara a Castro de Rei. Olla, non confundir con Castro de Riberas de Lea.
            Se vides desde Santiago ou Coruña, en Guitiriz colledes a A6, seguide ata Bahamonde, en Bahamonde na rotonda empalmades coa A8 e nela ides ata Vilalba. Entrade no segundo punto de entrada en Vilalba, que vos leva ao centro, onde hai unha árbore, unha pradia. Alí, á dereita un 50 m. e logo a primeira rúa á esquerda, subindo, que xa é a estrada que vos levará cara a Meira. Pasado Muimenta, cruzaredes o Miño, e a un km. máis ou menos veredes unha indicación cara a Castro de Rei, que vos quedará a uns 4kms. máis ou menos. Alí xa haberá indicadores para ir ao polideportivo, onde teremos a celebración.

Lembrade dúas cousas: 
1) mandar o papeliño onde se describa brevemente a experiencia que traiades, e 
2) uns días antes, informar das persoas que pensades vir.


Grazas a todos. Vémonos o 18.

miércoles, 17 de abril de 2019

AVISO XUNTANZA 27 DE ABRIL EN SANTIAGO


            Non podemos dispoñer da casa de Exercicios de Santiago 
para a nosa xuntanza, por iso por esta vez teremos o encontro 
no hotel ou hostal do Seminario Maior de San Martiño Pinario. 
Alí déixannos un local para a reunión e tamén alí xantaremos. Como ben sabedes, este hotel ou hostal está pola parte da abaixo 
da fachada principal do Seminario Maior de San Martiño Pinario. Para aparcar haberá que deixar os coches no aparcamento de Xoán XXIII, pretiño da Igrexa de San Francisco, que está ben cerca.

           

        Vémonos, logo, 
o 27 ás 10 da mañá nese hotel. 

Que teñades unha santa Semana Santa 
e unha alegre Pascua con Xesús resucitado.

lunes, 8 de abril de 2019

XUNTANZA 27 DE ABRIL 2019 EN SANTIAGO


     
   
 Conforme acordaramos na programación do curso, o 27 de abril, sábado, 
teremos en Santiago o noso próximo encontro e seguiremos estar ORDE DO DÍA:

10.00 h: Chegada e acollida.

10.30 h: Oración pascual: de cada grupo traemos algo que nos invite a facer oración no contexto pascual no que estaremos por aqueles días: canto, pregaria, signo, relato breve…

11.00 h: Poñemos en común o traballo levado a cabo neste tempo, tanto dentro dos propios grupos coma cara a fóra.

12.00 h: Descanso e café.

12.30 h: Preparación da celebración do San Cidre en Castro de Rei, a partir do esquema que nos ofreceu Manolo Regal, que está aberto a todo tipo de suxestións. Repartiremos responsabilidades para á celebración.

14.00 h: Xantar e remate do encontro.



NOTA: É necesario, xa o sabedes, que avisedes do número de persoas que pensades asistir,
pola organización do acto. Ata o 27, logo, a Alicia coma sempre...

martes, 2 de abril de 2019

CELEBRACIÓN DO SAN CIDRE 2019


Castro de Rei, Lugo, 18 de maio 2019.


Entrada
            A ser posible, o lugar de celebración está presidido por unha pancarta co lema: SEMENTANDO ESPERANZAS.
            A acollida está atendida por xente do lugar, que nos obsequiará co que ben lle pareza. Se hai un grupiño de gaiteiros acompañándonos, mellor. E entramos para o lugar de celebración.
            E empézase a celebración. Entre ensaio e ensaio vaise anunciando que é esta festiña, que pretende: celebrar a nosa condición de persoa cristiá, de comunidades cristiás no rural, con orgullo en base a estes tres convencementos: non medo ao rural, non medo ao grupo, non medo a Xesús de Nazaré, o noso Irmán maior e mestre. Tamén se explica en que consiste o lema e como se vai desenvolver a celebración. As esperanzas sómolo nós mesmas, e esa xente nova que aposta pola rural con forza e creatividade. E botamos a andar.

Acollida dos grupos
            Cantamos o himno do San Cidre. Como facemos sempre, imos nomeando os diferentes grupos que se achegan. Cada un deses grupos trae unha cestiña con sementes dalgún froito. Ao ser nomeado o grupo, achégase ao centro e deixa alí a cestiña. Ao mesmo tempo achégase tamén a persoa ou persoas que representan unha presenza esperanzada no rural; en cada un destes casos levan un brevísimo escrito dicindo quen son, que fan, onde están, cal é o seu enderezo postal ou electrónico, por se alguén ten interese en coñecelos máis. Se producen algo, levan alí, coas sementes, unha mostra da súas produción (queixos, verduras, documento…) E así todos os grupos. Con fogos ecolóxicos.
            E, para pechar este momento, as xentes do lugar cóntannos como é esta zona, como andan, que sementes de esperanzas hai entre eles, a nivel de vida agraria e a nivel de comunidade cristiá. Tamén fogos ecolóxicos. Volvemos cantar o himno do San Cidre.

Segue a Eucaristía
            Saúdo e acollida do sacerdote. Momento penitencial. (Pódese empregar o da Guía da celebración eucarística para este día, e igualmente as Preces; pero o grupo que as deba facer tamén as pode refacer.
            As lecturas poden ser:
1ª lectura: Sant 5, 7-11: a paciencia ben entendida, a resistencia, dálle ás á esperanza cristiá. No rural estamos en tempos de aguante esperanzado.
Salmo: 8, co retrouso SEÑOR, DEUS NOSO, QUE ADMIRABLE É O TEU NOME EN TODA A TERRRA.
            Dúas persoas, home e muller, mozo e moza, van lendo as estrofas:
1.- A túa gloria éncheo todo de vida!
Da boca dos neniños e neniñas
fas saír unha loanza fronte a quen te despreza,
e admírate a xente que antes te ignoraba.

2.-Cando contemplo o ceo, feitura das túas mans,
a lúa e as estrelas que nel fixaches,
¿que é a xente, para que dela te lembres,
o ser humano, para que del te ocupes?

3.- Fíxéchesnos á túa imaxe e semellanza,
coroáchesnos de honor e dignidade;
confiáchesnos as obras das túas mans,
puxéchesnos ao coidado da túa creación.

4.- Rabaños de ovellas e vacas,
animais domésticos e salvaxes,
os paxaros do ceo e os peixes do mar,
que nadan e xogan nas augas.





Evanxeo: Lc 13, 6-9: Parábola da figueira. Estamos en tempos ee coidar e abonar, coa esperanza de que cheguen os froitos na vida rural.

Preces: o xa dito.

Ofertorio:
            Neste momento as persoas que trouxeron as sementes e as que representaron as iniciativas de esperanza no rural achéganse ao altar e erguen nas súas mans as cestiñas coas sementes e os outros froitos ou papeis que antes presentaron. E con todo iso nas mans cara arriba, cántase a cantiga do ofrecemento: VELAQUÍ, NOSO SEÑOR.

            E segue a Eucaristía con normalidade.

Peche da Eucaristía e da celebración
            No momento final, despois da comuñón, uns nenos/nenas distribúen unha folla, na que se recollen os enderezos de cada unha das iniciativas presentadas. Esas iniciativas son tamén un pequeno sacramento da vida de Deus entre nós, que queremos xuntar co sacramento maior do Corpo de Cristo que acabamos de recibir. Estamos uns segundos en silencio. E logo rezamos xuntos a oración final. Tamén dúas persoas val lendo alternativamente cada agradecemento e todos/as imos contestando: GRAZAS POR TANTO BEN.

            Non sei ben que facer coas sementes agora. Será mellor non as traer, limitarnos só a presentar as experiencias de cousas de esperanza? Deixar libre e que logo, ao final, quen queira recoller algunhas semente, que o faga? Xuntar previamente, antes dese día,  esas sementes e ter preparada unha bolsiña pequeniña para cada persoa? Sen xuntar as sementes de todos, que os do lugar preparen ao chou unhas sementes  e as metan nun sobre pequeniño, para dar a cada persoa? Falamos todo isto no encontro do día 27 de abril.
 
Cada grupo, logo, tería que preparar: 

Sementes (se decidimos traelas), experiencia de esperanza, folliña que acompañe a experiencia. E logo, a maiores, o que nos poida tocar de ler algunha lectura, os perdóns, as preces…E, coma sempre, reservar 1-2 euros para colaborar nos gastos, e avisar con tempo as persoas que pensan vir.


Hai cousas dignas de ver: As fontes do Miño (Fonmiñá), a igrexa monacal de Meira, o castro de Viladonga, muralla de Lugo…