viernes, 14 de mayo de 2021

Himno de San Cidre

PARA O DÍA DO MUNDO DA ALDEA, 15 DE MAIO.


HIMNO DE SAN CIDRE

 VIMOS ALEGRES CON MOITA UNIÓN

A CELEBRAR O NOSO PATRÓN,

XUNTOS MIRAMOS CARA AO PORVIR

QUE DEUS CONNOSCO QUERE CONSTRUÍR.

 

1.

Aquí chegamos todos, todas con ilusión

coa nosa vida ás costas e nelas moita unión;

algúns somos máis vellos, outras máis novas son,

todos somos do campo, con orgulloso honor.

 

2.

Sobre de nós levamos anos de humillación,

dentro de nós xeramos un futuro mellor.

Co grande non soñamos, no grande hai destrución,

nós cremos no pequeno, nel hai liberación.

 

3.

Somos irmáns na terra, somos pobo de Deus,

vida con Deus buscamos na terra e máis no ceo.

Somos as seguidoras de Xesús que morreu

por defender o pobre, temos o Alento seu.


miércoles, 12 de mayo de 2021

ORACIÓN DE ACCIÓN DE GRAZAS

 AGRADECEMENTO DO DÍA

(M. Regal,  Na soleira da vida)

 

Grazas

polo pan, pola paz,

pola mesa diaria,

polos bicos e apertas

que me saen da alma.

 

Grazas

polos xogos dos nenos/as,

polas nosas palabras,

polo gozo do esforzo

cando acaba a xornada.

 

Grazas

pola miña parella,

que en amores me abraza,

pola xente que ofrece

xenerosa compaña.

 

Grazas

polas rutas da aldea,

polas rúas urbanas,

polo sol, pola lúa,

polas luces da alma.

 

Grazas

pola patria que temos

ofrecida na fala,

as irmás, os irmáns

cos que Deus nos regala.

 

Grazas

polos pobos do mundo,

cada cor, cada raza,

pola vida en xustiza

que as máis pobres demandan.

 

Grazas

polos ríos e rías,

polo gran, pola auga,

as colleitas que a fame

sempre enredan e matan.

 

Grazas

porque ti, Nai querida,

te nos fas abundancia

nas cousiñas miúdas

que na vida nos pasan.

 

Grazas,

por Xesús, o teu fillo,

noso irmán, que non para

de amosársenos vivo

onde a vida se apalpa.

 

Grazas

polo Espírito Santo

que na vida nos lanza

na procura do amor

que en xustiza nos salva.

 

Guía para a celebración eucarística do día de S. Cidre

15 DE MAIO: SAN SIDRO OU CIDRE,

PATRÓN DA XENTE DO CAMPO, DÍA DO MUNDO DA ALDEA

Poderiamos decorar o espazo da celebración con motivos que nos recorden o traballo as ferramentas, os froitos que recollemos,… Antes de empezar a celebración podiamos conversar un pouco sobre os gozos e sombras da nosa vida rural hoxe. Recordamos o lema desta xornada:

- COIDÉMONOS; se o vemos oportuno, podemos ler o comunicado da Delegación para o día do mundo da aldea, ou polo menos comentalo algo.

- Se temos algunha imaxe de San Cidre, poñela ben á vista. En todo caso, evocar a súa figura de home de aldea coa súa muller María da Cabeza, que atoparon na súa fe cristiá luz e forzas para vivir dignamente na aldea

- Para os cantos, escoller os que a comunidade máis coñeza.


Introdución:

COIDÉMONOS!, ese é o lema do día do mundo da aldea para este ano. Un lema ao que o noso Deus da vida sempre se apunta, porque o máis propio del é tamén coidarnos.

Nesta Eucaristía acollemos e agradecemos os coidados que o noso Deus bendito nos dá de tantas maneiras.

Nesta Eucaristía recordamos e agradecemos todos os coidados que entre nós nos damos e recibimos.

Nesta Eucaristía animámonos a seguir dando e acollendo coidados.


Celebración do perdón

Deus cóidanos tamén co seu perdón. Deixémonos coidar por el.

 Perdón por abandonarnos na saúde do corpo e do espírito.

CÓIDANOS, DEUS QUERIDO, CON TEU PERDÓN.

 Perdón por desentendemos dos nosos veciños, sobre todo cando o

están pasando mal.

 Perdóanos por engurrarnos e non defender máis a vida da aldea. 



Lecturas da Palabra de Deus


1ª lectura: 

1Cor 13, 12-26: A familia, a comunidade, a parroquia, a aldea somos coma un corpo con moitos membros necesitados de coidados.


Do mesmo xeito que a muller vén do home, o home vén por medio da muller; e todo vén de Deus.

Xulgade por vós mesmos: é decente que a muller rece a Deus coa cabeza descuberta? Non vos ensina a mesma natureza que é unha deshonra  para o home deixar medrar o pelo; e que, pola contra, cámpalle á muller o pelo longo? Pois a ela as guedellas déronselle coma pano da cabeza. Ademais, se alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as igrexas de Deus.

O facervos estas recomendacións, non podo aplaudir o feito de que as vosas reunións produzan máis mal ca ben. O primeiro que oio é que cando vos xuntades en asemblea hai divisións entre vós e, en parte, créoo. Pois é necesario que haxa bandos entre vós, para que se vexa quen entre vós é honesto.

Deste xeito, cando vos xuntades en común, iso xa non é comer a Cea do Señor. O poñervos a comer, cada un agárrase á súa propia comida e uns pasan fame mentres os outros se emborrachan. Seica non tedes casas para comer e para beber? Ou é que queredes desprezar a Igrexa de Deus e avergonzar ós que non teñen? Que vos vou dicir? Vouvos felicitar? ‑Non, nisto non vos felicito.

Porque eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".

Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.


Salmo:

Sal 8: Deus, que se lembra de nós, pídenos que nos lembremos de toda a creación e que a coidemos.


Señor, noso Señor,

que grande é o teu nome en toda a terra!

A túa maxestade érguese por enriba do ceo.


Na boca de nenos de peito fundas a túa fortaleza

contra os teus adversarios,

para faceres calar a inimigos e rebeldes.


Cando vexo o ceo, feitura da túa man,

a lúa e as estrelas que fixaches alí,

que é o home, para que o lembres,

o fillo do home, para que del te ocupes?


Por pouco non o fixeches coma os anxos,

coroáchelo de honor e dignidade;

décheslle mando sobre as obras das túas mans,

puxéchelo todo ós seus pés:

rabaños de ovellas e touros,

e mesmo as bestas do monte,

os paxaros do ceo e os peixes do mar,

que fan carreiros polas augas.


Señor, noso Señor,

que grande é o teu nome en toda a terra!



Evanxeo: 

Lc 13, 6-9: Deus coidando a súa figueira, que somos nós, invítanos a coidar a nosa vida na aldea.


Entón Xesús, púxolles esta parábola:

‑Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ó viñador: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?" El respondeulle:

"Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".



Preces

Agora presentámoslle a Deus Pai os nosos desexos de ben pola xente que máis precise de máis apoio, por nós mesmos, polas necesidades que se dan nas nosas aldeas. Contestamos dicindo:

FAINOS FORTES PARA OS COIDADOS, DEUS QUERIDO

 Pola xente maior e soa que hai nas nosas aldeas, que nunca lles falte a nosa atención e coidados. Oremos.

 Polas persoas que entre nós son menos hábiles para a vida por calquera razón; que os saibamos acompañar e animar sempre. Oremos.

 Para que coidemos a nosa fe cristiá, coñecendo mellor a Xesús Cristo, participando nas celebracións, traballando máis polo común da parroquia. Oremos.

 Para que non nos resignemos a que as nosas aldeas vaian desaparecendo; que unamos ideas e esforzos e que saibamos esixir a quen goberna que se coide mellor a vida das aldeas, para facer apetecible vivir nelas. Oremos.






Todo está interligado (versión en galego)


TUDO ESTÁ INTERLIGADO

(Composición de Pe. Cireneu Kuhn)

https://www.cifraclub.com/pe-cireneu-kuhn-svd/tudo-esta-interligado/

 ----------------------------------------------------------------------------------

TODO ESTÁ INTERLIGADO

(Letra e música do Padre brasileiro Cireneu Kuhn.

Adaptación ao galego de M. Regal)


 

TODO ESTÁ INTERLIGADO COMO SE FÓSEMOS UN,

TODO ESTÁ INTERLIGADO NESTA CASA COMÚN.

 

1.

O coidado coas flores do xardín,

coas fragas, os ríos e mananciais,

o coidado co aire e os biomas,

coa terra e máis cos animais.

O coidado co ser en xestación,

coas crianzas o amor especial

o coidado cos doentes e vellliñ@s,

polos pobres opción preferencial.

Porque todo está…

TODO ESTÁ INTERLIGADO COMO SE FÓSEMOS UN,

TODO ESTÁ INTERLIGADO NESTA CASA COMÚN.

 

2.

A loita polo pan de cada día,

polo traballo, saúde, educación,

a loita por librarnos do egoísmo

e a loita contra toda corrupción.

O esforzo contra o mal do consumismo,

a busca da verdade e do ben,

valerse do tempo de descanso,

da beleza deste mundo e do alén.

Porque todo está…

TODO ESTÁ INTERLIGADO COMO SE FÓSEMOS UN,

TODO ESTÁ INTERLIGADO NESTA CASA COMÚN.

 

3.

O diálogo na escola e na familia,

entre pobos, culturas e relixións,

os saberes de ciencia e da política,

da fe, da economía en comuñón.

O coidado polo eu e polo ti,

pola nosa ecoloxía integral,

o cultivo do amor de San Francisco,

feito solidariedade universal.

 Porque todo está…

TODO ESTÁ INTERLIGADO COMO SE FÓSEMOS UN,

TODO ESTÁ INTERLIGADO NESTA CASA COMÚN.

 


martes, 11 de mayo de 2021

COIDÁDEVOS, COIDÉMONOS, COIDEMOS A VIDA, COIDEMOS A ALDEA.

 


BENDITO, MEU DEUS, BENDITO!


Bendito, sexan os froitos

que produce a nosa terra,

bendita a xente que labra,

sementa, coida e colleita.


Bendita a xente que vela

e defende a natureza

dos intereses malvados

de quen a explota e violenta.


Benditos no mundo enteiro

os labregos e labregas

que defenden o seu pan

de quen con trampas llo nega.


Bendita sexa Galicia

coas súas chairas e serras,

cos mil ríos que a cruzan

fecundándoa sen tregua.


E por crear tanto ben,

noso Deus, bendito sexas;

nas nosas mans pos o mundo,

que as nosas mans o defendan.


Comunicado da Delegación de Pastoral Rural para o 15 de maio, festa de San Cidre, día do mundo da aldea.

 COIDÁDEVOS, COIDÉMONOS!

Coidádevos, esta é unha das palabras máis repetida neste tempo de pandemia: coidádevos, dicimos ao despedirnos. Queremos converter esta palabra no lema para o 15 de maio deste ano 2021, día de San Cidre ou Isidro, día do mundo da aldea: COIDÁDEVOS, COIDÉMONOS, porque sobre as aldeas e sobre canto nelas existe avanza unha ameaza destrutiva que, coma un virus, quere acabar connosco.

1.Coidemos as nosas unidades familiares de produción tradicional, para que a lo menos poidan convivir coas grandes explotacións modernas.

2.Coidemos o xeito de traballar as terras e de producir alimentos, sen químicas. Consumamos preferentemente produtos de proximidade.

3.Coidemos o equilibrio no uso das terras; que o eucalipto o invada todo é pan para hoxe e fame para mañá.

4.Coidemos os nosos ríos, regatos e fontes, as nosas terras; eólicos si, pero con orde e respecto á natureza, á xente e aos animais que os rodeamos.

5.Coidemos o noso corpo, o noso espírito, para podermos ser xente de paz, de ben, de ánimo, de entendemento, de concordia, de alegría.

6.Coidemos cada familia, fagamos dela unha escola de afectos, de relacións, de respecto ás diferenzas, de aprendizaxe para a inclusión social.

7.Coidemos con esmero a convivencia entre os veciños e veciñas que imos quedando nas parroquias, para facernos a vida agradable.

8.Coidemos as nosas criaturas, a nosa mocidade, abríndoa ao gozo da vida, e ao descubrimento da riqueza e fermosura do campo.

9.Coidemos a nosa xente maior, á que tanto lle debemos, sobre todo cando a vexamos soa e enferma, sen esperar a que de fóra nolo veñan facer.

10.Coidemos as nosas tradicións, a nosa cultura, as nosas festas, a nosa fala, sen pecharnos a cousas novas que nos enriquezan e melloren.

11.Coidemos a nosa fe cristiá, que madure en nós, que non sexa unha veliña que se nos apaga nas mans. Que sexa unha ferramenta para construírnos como persoas e que nos fortaleza para a participación comunitaria e o coidado da casa común.

12.Coidémonos traballando, organizándonos, rezando, loitando para que as diferentes administracións (Concellos, Xunta, Deputación, Estado) non nos deixen de lado, e axuden de verdade a que as aldeas non sexan nunca aldeas baleiradas, sen corpo e sen alma,

PARROQUIA DE GALEGOS-FRADES


COMUNICACIÓN:

                                                       
 O grupo de Galegos –Frades, queremos comunicar que varios foron os acontecementos polos que as nosas reunión fóronse retrasando:

- Balnearios.
- Enterros, entre otros/as, Josefina  que formaba  parte do grupo). 
- Comenzo da Escola de Axentes de Pastoral.
- Festas. etc.
Pero tamén, en esta mezcla de vida  e morte, intentamos vivir como crentes, como parte de unha comunidade.

Empezamos a nosa reunión recordando os pasos, que no curso pasado vimos que podemos ir dando nós, para ir chegando a esa comunidade cristiá que nos gusta.

Estes pasos os concretaramos así:
Animación da liturxia dos domingos:
-Buscar os cantos apropiados  e ensaiar coa xente, nas parroquias que se pode, pois somos de catro parroquias distintas.
Resultado de imagen de GALEGOS-FRADES- Buscar as persoas  para facer as lecturas.
- Cada persoa do grupo intentaremos  encontrarnos, como mínimo   unha vez o mes, con alguna persoa que esta soa, enferma ou necesitada de falar.
-Estamos apoiando protagonismos, nesta línea de facer comunidade cristiá.
- Apoiamos e invitamos a participar na Escola de Axentes de Pastoral,do grupo participa Mercedes.
-Intentamos  que a oración sexa un momento importante  no grupo. ( as parábolas van ser tema da nosa oración )
- Queremos estar abertas o Espirito, as persoas a realidade, a nós mesmas, para escoitar as chamadas que na línea de facer comunidade cristiá nos van chegando.

Un saúdo cheo de cariño.
                             
                              Galegos-Frades  25/11/2017