viernes, 5 de octubre de 2018

PLAN DE TRABALLO PARA O CURSO 2018-2019 (II)


2º encontro (dentro do mes de novembro)

·         Igual que na xuntanza anterior, empezamos falando algo de cómo nos foi na vida, falamos da vida da nosa parroquia, comentamos algunha cousa que, aínda sucedendo  máis lonxe, nos pareza importante para nós. Controlamos os tempos.

·         Pasamos a dar información sobre que presenza hai na nosa comarca de iniciativas de xente nova no rural que estean contribuíndo á súa revitalización. Valoramos con detemento esas experiencias: a que se dedican, que fan, como empezaron, cantas persoas ou familias son, que recursos puxeron a andar, que cousas nos chaman máis a atención, que cousas nos parecen máis positivas.

·         Nun mapa da comarca que teñamos feito, coa sinalización das parroquias correspondentes, podemos ir situando cada unha das experiencias coñecidas, e cunha palabra indicar a súa dedicación. Ese mapa pode quedar exposto no lugar de reunión, para ilo vendo e completando en novas xuntanzas.

·         No caso de que na nosa comarca non atopemos ningunha desas novas iniciativas, podemos comentar algunha que coñezamos dalgunha outra zona. Por exemplo, hai un libriño breve titulado “Revoltando á terra” de edicións Bolanda, que na súa segunda parte ofrece breve descrición de 10 proxectos do tipo que a nós neste caso nos interesan; son de diferentes lugares de Galicia; igual aí atopamos algún que nos cadre algo cerca para podelo visitar.

·         Podemos acordar a visita a unha desas experiencias novas que nos pareza especialmente interesante. Que alguén se encargue de contactar, de organizar logo ás persoas interesadas en ir. Pódese quedar en presentar o plan da visita xa organizada na próxima xuntanza.

·         Podemos ter tamén un momento de oración. Lemos unha das parábolas de Mateu no capítulo 13: a da sementador, a do gran de mostaza, a do xoio no medio do trigo, de doada aplicación ao que estamos facendo: experiencias humanas, pequenas, humildes, que medran, que poden ir medrando, dando vida ao rural. Tamén nesas cousas hai unha palabra de Deus para nós, que podemos acoller ou ignorar, ou afogar.  Axudamos a situar a parábola dentro do que estamos vivindo; provocamos para que a xente comparta algo do que sente ao respecto, e quedamos un chisco en silencio, acollendo o que cada quen dixo, e o que máis me chega ao corazón de todo o vivido neste encontro. Rematamos rezando xuntos o nosos Pai.

·         Sinalamos a data da próxima xuntanza, que será no mes de decembro. ¿Poderíamos aproveitar para celebrar xuntos/as a festa do Nadal, despois do Nadal, mesmo ata antes de Reis? Se acordamos celebrar algo o Nadal xuntas, é necesario acordar como o hamos celebrar, que partes vai ter a celebración, como as desenvolver, e tamén o que cada quen ha traer para a celebración, de comidas, bebidas, cantos, música…

·         E tomamos algo, comemos algo, para poñer fin ao encontro.





No hay comentarios:

Publicar un comentario