miércoles, 25 de julio de 2018

CELEBRAR AS FESTAS PATRONAIS (IV)


Modelo Ano 2013
            
           No ofertorio do primeiro día ofrecemos as rosas da xente enferma, da xente máis nova, da xente que nos visita pola festa.

Enfermos:

Con achaques estamos moitos, moitas, pero especialmente

A Basilisa dos Castros / a Oliva da Penamoura  /   e non tanto, A Maruxa do Venancio, a Maruxa do Rego de Candia, a Eludina, o Roberto e a Xosefa de Carballido, a Visita tamén de Carballido, a Teresa das do Pepe, a Crucita, operada de pouco, e o Manolo da Ponte Roxal, que tamén foi operado de cancro.
Unha cala para os enfermos.


A xente nova que vive connosco

            Non é moita: A Yolanda, o Eduardo e a María de Carballido, o Andrés e o Horacio do rego de Candia, o Amandino de Louside, o Luís e a María da Ponte Roxal, a Carme da Rozabella,  os pícaros de cas Seges, a Lucía e a Antía das do Pepe, a Iria dos Castros, o Eloy da Penamoura... Son poucos... témolos que coidar e mimar moito.
Unha cala para a xente nova

A xente de fóra que nos visita

            Algúns son de fóra e non o son, porque se criaron na parroquia, andan polo mundo e volven aquí, cabo dos seus cando poden e queren.
            Outros fóronse vinculando á parroquia cos lazos da amizade, da relación. Que fermosa a relación, a unión, os afectos que medran e se estenden!
Unha cala para a xente que nos visita nestes días.

Tres calas con gran cariño,
tres recordos con amor,
que de hoxe nun ano xuntos
celebremos o patrón.

            No ofertorio do segundo día ofrecemos trece rosas representando os trece barrios da parroquia, con este texto que facía referencia a algunha característica do barrio:

Por Louside unha rosa,
Fresca, limpa, ben fermosa!

Por Ponte Roxal, outra,
Peregrina, rezadora.

A rosa da Rozavella,
Que ole a cea e a estrelas.

Unha rosa polo Cristo,
Recendo de vellos muíños.

E esta vai polos Castros,
Cheo de historia e de encantos.

A rosa da Penamoura,
Bicos do monte que a douran.

Rosa dos Barrios do Rei,
Preciosa, de boa lei.

Ai, rosa da Pedrafita,
Aló enriba, que bonita!

A das Carballas é esta,
Rosa de humor e de festa.

Rosa do Rego de Candia,
De ao pé das augas que cantan.

A rosa de Carballido,
Amores non esquecidos.

E a rosa da Grandela
Que gusto dá mirar para ela!

Trece rosas, trece soños,
Trece amores, trece afáns,
Da roseira da parroquia,
Rosas de irmás e de irmáns.



Modelo Ano 2014

            Para o ofertorio presentamos: 
Catro rosas, levadas por un neno/a, un mozo/a, un adulto, un velliño.
O pan e o viño para a Eucaristía.

Primeira rosa: É a rosa dos nenos e nenas entrre os 0 e os 15 anos; temos na parroquia 9 nenos e nenas, ben é certo que aquí vivindo a diario con nosoutros na parroquia só temos un neno e unha nena; os demais son netos e netas de xente da parroquia que andan con frecuencia por aquí. Hai 13 anos que non naceu ningún neno na parroquia. Temos un serio problema de renovación. Esta é logo a rosa dos nenos e nenas, representa a súa alegría, as súas fantasías, as súas medras, os seus estudos, o moito que nos aportan. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS OS NOSOS NENOS E NENAS. (Repetimos esta frase todos)

Segunda rosa: É a rosa dos mozos e mozas, entre os 15 e os 35 anos. Temos na parroquia 9, todos máis ou menos ben preparados, algúns traballando, outros desexando facelo para darlle rumbo á súa vida. Algún, o Eduardo, a punto de casar, outras sabe Deus cando. É a rosa, logo, da mocidade, dos seus soños, das súas dificultades laborais, dos seus amores, das súas esperanzas. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS OS NOSOS MOZOS E MOZAS. (Repetimos esta frase todos).

Terceira rosa: É a rosa da xente adulta, entre os 35 e 65 anos, que son na parroquia 17 persoas, asentadas aquí, traballando no campo e noutros traballos, na parroquia ou  fóra dela. É a rosa das persoas adultas, do seu traballo, da súa resistencia, da súa capacidade de facer e gobernar vida, de facer tamén comunidade e parroquia, de atender nenos, mozos e velliños. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS TODA A NOSA XENTE ADULTA (Repetimos esta frase todos).

Cuarta rosa: É a rosa da xente maior, xubilada, entre os 65 e os 103 anos. Somos 46 persoas na parroquia. Bastantes entre os 80 e 90 anos e máis. O problema do despoboamento e do avellentamento do campo! É a rosa das súas enfermidades, dos seus sufrimentos, das súas inseguridades, pero tamén é a rosa da súa satisfacción pola vida vivida, da súa sabedoría, da súa serenidade, da súa bondade, da súa fe. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS TODOS OS NOSOS MAIORES. (Repetimos todos).

O pan e o viño para a Misa: o pan que se fará presenza de Xesús no medio de nós, co que seremos invitados nesta Misa especial de festa. Xesús quere sumarse á nosa festa, quere colaborar, quérese dar el todo por nós, quere darnos o espírito da alegría e da comunidades para que a festa sexa ben cumprida. NA MESA DO ALTAR POÑEMOS A XESÚS.


No hay comentarios:

Publicar un comentario